• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na segunda reunión do ano da Comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións
  • Os membros de NAT abordaron varios proxectos de ditame en clave sanitaria e debateron acerca da “Proposta de Directiva do Parlamento Europeo e do Consello sobre a resiliencia das “infraestruturas críticas” e sobre a Nova Axenda Europea do Consumidor
Bruxelas, 22 de marzo de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na reunión virtual da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións.
No seu segundo encontro do ano, a comisión NAT abordou varios proxectos de ditame en clave sanitaria, como o ditame Experiencias e leccións extraídas polas rexións e cidades durante a crise da covid-19 ou o ditame sobre o Regulamento para facer fronte ás ameazas transfronteirizas para a saúde e proposta lexislativa para modificar o mandato do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades.
Ademais, os membros de NAT debateron acerca da proposta de Directiva do Consello sobre a resiliencia das entidades críticas e sobre a Nova Axenda Europea do Consumidor, que pretende capacitar aos consumidores para que poidan desempeñar un papel activo nas transicións ecolóxica e dixital.
Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións
Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo en febreiro de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.