Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Axenda Dixital » Galicia culmina a súa participación no Sandbox europeo cunha IA que transcribe chamadas de emerxencias

Galicia culmina a súa participación no Sandbox europeo cunha IA que transcribe chamadas de emerxencias

15/06/2026 |

— A iniciativa da Xunta, a única das 12 seleccionadas impulsada por unha administración pública, permite transcribir chamadas en tempo real e almacenar as conversas en formato estruturado

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026. O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, participou o pasado xoves en Madrid na clausura do primeiro Sandbox europeo de IA, no que a Xunta participou cun proxecto que aplica a intelixencia artificial para mellorar e automatizar a transcrición das chamadas aos servizos de emerxencia.

Damián Rey valorou moi positivamente a participación de Galicia no Sandbox porque permitiu “traballar de maneira práctica sobre os requisitos do Regulamento Europeo de Intelixencia artificial e entender como aterrar eses requisitos regulatorios nun sistema real de alto risco”.

O sistema presentado pola Xunta consiste nunha solución de intelixencia artificial aplicada ao servizo de emerxencias, deseñada para automatizar e mellorar a transcrición de chamadas de emerxencia mediante tecnoloxías avanzadas de recoñecemento automático da fala. Esta solución, a única presentada por unha administración pública nesta contorna de probas, permite transcribir chamadas en tempo real ou case real, almacenar as conversas en formato estruturado e facilitar posteriormente procuras, análises e investigacións sobre incidencias de emerxencia.

O proxecto non só busca automatizar tarefas, senón tamén mellorar a capacidade operativa dos servizos de emerxencias. Grazas á creación de bases de datos estruturadas de transcricións, o sistema permitirá desenvolver futuros casos de uso relacionados con analítica avanzada, detección de patróns, predición de incidentes ou mesmo priorizar chamadas en función de indicadores emocionais detectados durante a conversación.

Sandbox de IA

O proxecto da Xunta foi seleccionado o pasado ano polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para participar no primeiro Sandbox europeo de IA, unha contorna controlada de probas que permite avaliar sistemas de intelixencia artificial en condicións reais e baixo supervisión regulatoria.

A iniciativa galega participou na categoría de acceso a servizos públicos esenciais. As outras 11 iniciativas seleccionadas aplicaban a intelixencia artificial a ámbitos como a biometría, o emprego, as infraestruturas críticas, a maquinaria ou os produtos sanitarios. Trátase de áreas consideradas de alto risco polo Regulamento Europeo de IA debido ao seu potencial impacto nos dereitos fundamentais das persoas.

Fonte: Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas