- Rosa Quintana quixo recoñecer o labor dos grupos de traballo creados o ano pasado baixo a petición de Galicia á hora de acadar o aumento de determinadas cotas
- A conselleira celebrou que se acadara o roll over na cota da pescada do norte no canto da redución que propuña inicialmente a Comisión Europea
Bruxelas, 17 de decembro de 2011.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, calificou de “agridoces” os resultados obtidos nas negociacións dos TACs e cotas da UE aprobadas na madrugada do venres ao sábado en Bruxelas. A responsable dos asuntos marítimos en Galicia utilizou este termo porque “se ben non se conseguiu subir os TACs de todas as especies, o impacto non foi tan grave como nun principio se temía”.
No eido dos logros, a conselleira recoñeceu o labor que ao longo deste ano viñeron desenvolvendo os integrantes dos distintos grupos de traballo creados baixo petición de Galicia á hora de acadar un incremento das cotas dalgunhas especies. Un aumento especialmente salientable no caso do lirio, cuxa cota foi reducida nas negociacións dos TACs do ano pasado nun 93% supoñendo unhas perdas económicas en Galicia de arredor de 40 millóns de euros, segundo o informe elaborado pola Universidade de Santiago baixo petición da Xunta.
O informe, presentado no primeiro semestre do ano pasado á comisaria de Pesca da UE, Maria Damanaki, e mais á directora da DG Mare, Lowri Evans, serviu para poñer enriba da mesa o impacto socioeconómico dunha decisión que o propio sector pesqueiro sempre defendeu que carecía de fundamento. O incremento este ano da cota do lirio do norte nun 500% e da do sur nun 800% supón un recoñecemento ás teses defendidas dende o sector pesqueiro.
Ao remate do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que se iniciou o xoves en Bruxelas, a conselleira do Mar amosouse satisfeita con que a Comisión Europea ratificase a proposta que fixo pública nos últimos días para o caladoiro do Cantábrico Noroeste e na que propoñía incrementar nun 110% a cota correspondente ao rape, nun 8% a que se corresponde co rapante e nun 15% a relativa á pescada do sur.
No relativo á cabala, Rosa Quintana sinalou que esta especie poderá dispór, na agarda de culminar as negociacións coas illas Feroe e Islandia, de cantidades semellantes para o ano 2012, polo que, tendo en conta a abundancia que parece existir desta especie, Galicia postulará a necesidade de realizar un traballo semellante ao desenvolvido neste ano para o lirio de cara a dispór de mellores cotas para o ano vindeiro e asegurou que se seguirá promovendo o traballo en equipo destes grupos que tan bos resultados deron á hora de conquerir unha maior cota para este ano.
A pesar do aumento da pescada do sur, para a cota da pescada do norte acadouse un roll over (mesma cota que a do ano pasado). A este respecto, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, celebrou que non se producira un descenso –tal e como propuña inicialmente a Comisión Europea- y se congratulou do compromiso da UE a avaliar en xuño os informes do ICES de xeito que queda a porta aberta a un posible aumento da cota.