Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cohesión » Galicia salienta a importancia da cooperación territorial no inicio do debate sobre o orzamento europeo posterior a 2027

Galicia salienta a importancia da cooperación territorial no inicio do debate sobre o orzamento europeo posterior a 2027

14/05/2024 | ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu hoxe a un encontro do Comité Europeo das Rexións sobre o papel da cooperación territorial na política rexional europea.

— As autoridades participantes salientaron a importancia da cooperación territorial europea á hora de abordar os novos desafíos que afrontan as rexións e cidades.

Croacia, 14 de maio de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na reunión celebrada hoxe na rexión de Dalmacia (Croacia) para abordar o futuro do programa Interreg, que financia a cooperación entre rexións e municipios da UE, e debater os avances que favorecen a cooperación transfronteiriza en Europa.

A conferencia permitiu facer balance da experiencia adquirida até a data nas tres modalidades de cooperación territorial existentes (transfronteiriza, transnacional e interrexional), así como da súa aplicación durante o período 2021-2027. Os participantes coincidiron na importancia da cooperación territorial, pois permite aos diferentes territorios intercambiar experiencias e traballar xuntos en igualdade de condicións.

Jesús Gamallo lembrou o recente ditame do Comité das Rexións sobre a creación dun mecanismo de cooperación transfronteiriza, que permitiría flexibilizar a aplicación da normativa nacional ou ben aplicar a do país veciño en certos casos moi concretos nos que a lexislación nacional impide ou obstaculiza algún proxecto de cooperación transfronteiriza. O director xeral defendeu a importancia de que este sexa voluntario para os Estados membros e gabou a decidida intención das autoridades comunitarias de poñer solución ás rixideces administrativas apostando de novo por este instrumento, pois unha iniciativa similar en 2018 non prosperara pola reticencia dalgúns estados membros.

Así mesmo, destacou a importancia dos puntos de coordinación transfronteirizos, defendendo que non poden estar afastados das fronteiras. Galicia, que conta cunha agrupación europea de cooperación territorialcon Portugal cunha ampla e consolidada experiencia, sería unha localización idónea para un punto de contacto destas características.

A cooperación territorial europea representa hoxe tan so un 2,5% do total da política de cohesión europea, cifrada en máis de 322.000 millóns de euros para os anos 21-27. Segundo Jesús Gamallo, “Malia todos os beneficios que comporta, o sobre dedicado á cooperación é moi limitado. Por iso estamos a reivindicar dende o Comité Europeo das Rexións unha maior dotación no debate que comeza agora sobre o orzamento europeo despois de 2027. A nivel europeo, está a haber unha profunda reflexión sobre cales deben ser as prioridades orzamentarias á vista da futura ampliación da UE”. Precisamente Santiago de Compostela acolleu o pasado mes de novembro a conferencia anual de Interreg, coa presenza da comisaria de Cohesión e Reformas, na que tamén se abordou esta cuestión.

O grupo interrexional de cooperación transfronteiriza 

Ademais da súa actividade como asemblea consultiva, desenvolvida polos seus membros no marco das sesións plenarias e comisións, o Comité Europeo das Rexións (CdR) conta tamén con grupos interrexionais que permiten aos membros debater determinados temas de interese común. O grupo interrexional dedicado á cooperación transfronteiriza, foi creado en 2015 e está formado por 13 rexións, entre as que se atopa Galicia. 

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data