Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Galicia como promotora do emprego xuvenil no rural europeo

Galicia como promotora do emprego xuvenil no rural europeo

19/06/2025 |

Conclusións dos socios de «RuralYouthFuture» sobre a visita de estudo a Galicia.

Santiago, 29 de maio de 2025.Analizar as boas prácticas desenvolvidas en Galicia, dirixidas á mellora do emprego xuvenil no ámbito rural atendendo ás necesidades singulares da mocidade no territorio, mediante a redución das desigualdades cos seus iguais urbanos e a loita contra o avellentamento e a despoboación foi o gran obxectivo desta visita organizada pola Fundación Galicia Europa xunto cos seus socios no proxecto “RuralYouthFuture“.

A visita desenvolveuse durante os días 11 e 12 de xuño de 2025 en Sober e en Quiroga e a súa comarca (Lugo) e contou con representantes dos sete países socios do proxecto, para estudar e analizar o desenvolvemento das boas prácticas postas en marcha polas entidades, institucións, asociacións e actores galegos. En total, o número de asistentes ascendeu a 49 persoas.

O encontro arrancou en Sober, cunha benvida por parte dos representantes locais e autonómicos, que ofreceron unha visión xeral do entorno rural da comarca. En primeiro lugar, a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia presentou os seus programas “Xuventude Mentoring” e “Xuventude Mentoring na Empresa”, que ofrecen asesoramento e formación a mozos e mozas entre 18 e 30 anos que buscan axuda para atopar o seu primeiro emprego, con resultados óptimos. A continuación, AGADER expuxo o seu proxecto sobre “Desenvolvemento, Sustentabilidade e Modernización no Medio Rural”, destinado a revitalizar o rural galego abandonado mediante a creación de emprego dirixido á xente nova; e os asistentes puideron visitar Francos de Proendos como exemplo de aldea modelo, onde dous mozos gandeiros presentaron as melloras implementadas.

O programa da tarde iniciouse coa presentación do proxecto “Mozos Embaixadores Dixitais das PEMEs” (DYAS) por parte da Eurocidade Chaves-Verín, que puxo en marcha a dixitalización no medio rural galego, fomentando o traballo e as prácticas para persoas de entre 18 e 30 anos. Nesta mesma liña, AMTEGA, co programa “Conectividade e habilidades dixitais para o desenvolvemento local”, promove a adaptación dixital e derruba barreiras a prol da inclusión dixital no rural. A continuación, dentro do programa “Fomentar a innovación das PEMEs”, Daniel Pardo presentou a súa empresa Innogando, formada por mozos empresarios que desenvolven a súa actividade económica no e para o rural. Esta ofrece solucións tecnolóxicas ao sector da gandería mediante o uso de smartwatches que monitorizan a actividade das vacas.

“Gamificación para empoderar á mocidade rural”, con Daniel Diéguez, propuxo o uso de xogos para mellorar as habilidades requiridas no mundo laboral. A xornada rematou con Ana Adán, de Acción contra a Fame, quen presentou o programa “Vives Aprende Xuventude: escolas inclusivas para o emprego”, destinado a brindar oportunidades de formación e emprego á mocidade con menos recursos no ámbito rural.

O xoves 12, o grupo desprazouse ata Quiroga, onde foron recibidos polas autoridades locais e deron comezo as presentacións de novas boas prácticas. TourGalia, a través das súas marcas, garante un relevo xeracional que asegure un futuro na zona. Por outra banda, Mariña Cortés explicou o seu papel dentro da organización como voluntaria IVY e expuxo as vantaxes que este programa ofrece tanto á mocidade como ás organizacións.

Ao longo da xornada, os asistentes puideron coñecer a idiosincrasia, interpretación e a valorización do rural galego na zona interior de Sober, Quiroga e Ribas de Sil, así como constatar de primeira man o compromiso daquelas persoas que optan e loitan polo rural interior de Galicia, a pegada no territorio e a importancia vitivinícola na rexión, impulsada polos mozos enólogos.

Con esta visita de estudo acádase o obxectivo formulado de visibilizar a realidade da mocidade que aposta por vivir e traballar no rural e de facilitar o aprendizaxe e descubrimento das iniciativas postas en marcha por mozos emprendedores, entidades públicas e privadas.

Ao peche das xornadas, os socios de “RuralYouthFuture” manifestaron a súa confianza en que estas experiencias poidan inspirar novas iniciativas e contribuír activamente á mellora das políticas de emprego xuvenil, “aspirando a converterse no punto de partida para promover solucións innovadoras adaptadas ao contexto local de Galicia e de Europa”.

Contexto

“RuralYouthFuture” é unha iniciativa europea dedicada a mellorar a eficacia das políticas de emprego xuvenil para o desenvolvemento rural sustentable. Este ambicioso empeño une a entidades municipais, rexionais e nacionais arredor dun obxectivo común: atender as necesidades singulares da mocidade nos territorios rurais. “RuralYouthFuture” pretende forxar un futuro mellor.

Concéntrase en seis instrumentos políticos a escala municipal, rexional e nacional para facer fronte ao reto común de responder ás necesidades da mocidade nos territorios rurais, os cales están a experimentar un crecente descenso da poboación. Contará coa participación de distintos socios de sete países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia, Bélxica e Serbia. O proxecto conta cun financiamento de 1,6 millóns de euros, cofinanciado con fondos FEDER, programa Interreg Europe.

Se estás interesado/a en coñecer máis información sobre o traballo do proxecto para abrir novas posibilidades e crear oportunidades que xeren unha transformación positiva na vida da mocidade que reside en zonas rurais, podes acceder ás seguintes plataformas de redes sociais:

 

© Fundación Galicia Europa, 2025.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data