• Galicia
    foi a primeira rexión que encargou un informe para avaliar as
    consecuencias da saída de Reino Unido da Unión Europea para a pesca
    galega, realizado polo Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga
  • Representantes
    da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) visitaron a
    sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

Bruxelas, 1 de
xuño de 2017
. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, interviu
no almorzo informativo Fórum Europa-Tribuna Galicia, celebrado en Vigo este mércores,
e explicou que Galicia centra os seus esforzos na busca de argumentos de
defensa da súa pesca ante retos como o Brexit e a prohibición dos descartes. En
relación a este último reto, anunciou que a comunidade galega será a primeira
rexión en contar cun estudo que analiza o impacto económico das especies de
estrangulamento sobre as posibilidades de pesca da súa frota. A Xunta encargou
o estudo ao grupo de investigación en economía pesqueira da Universidade de
Santiago e que a través del tamén avaliará o custo da obriga de desembarque de
todas as capturas, é dicir, da prohibición dos descartes. Unha estimación,
subliñou, “que queremos ter para levar na man a Bruxelas á hora de negociar os
Totais Admisibles de Capturas (TACs) e cotas para vindeiros anos”.

Neste sentido, lembrou que a prohibición dos descartes
choca frontalmente co “ineficaz modelo de reparto e xestión de cotas de pesca
instaurado”, que non se axusta ás capturas reais. De aí, explicou, Rosa
Quintana, a problemática das denominadas especies de estrangulamento -aquelas
secundarias que aparecen entre as capturas dos buques e das que non se dispón
de cota ou esta é escasa-, que provoca “abortar a posibilidade de pesca xa nas
primeiras semanas ou meses do ano”, dixo. Esta situación, advertiu, “é común a
moitos Estados membros e pode ter un grande impacto económico nas nosas frotas
e actividades derivadas da pesca”, un aspecto que analizará o informe encargado
ao Grupo de Investigación en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago.

Este é o mesmo departamento que no ano 2011 realizou un informe
para analizar o impacto socioeconómico da redución da cota do lirio en Galicia,
unha análise que foi decisiva á hora de conseguir o incremento da cota desta
especie no ano 2012.

 

Brexit

En relación ao Brexit, a conselleira do Mar lembrou que
Galicia encargou un informe ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de
Madariaga para avaliar as súas consecuencias para a pesca galega e que tamén
foi a primeira rexión en realizar este traballo. Ante este reto, salientou que a
posición da estrutura marítimo-pesqueira de Galicia debe ir nunha dobre
vertente.

Por unha banda, a interior baseada na compilación de
estudos e análises, “que xa se fixeron ou que se están a elaborar” e na busca
de argumentación para a defensa das propostas de Galicia e da súa toma en
consideración por parte dos negociadores españois e europeos. Así, ademais do
informe do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, a Xunta
encargou outro á profesora de Economía Aplicada e experta en Economía Pesqueira
da Universidade de Santiago, María do Carme García Negro, para analizar
aspectos do eido económico.

Por outra banda, a conselleira fixo referencia a unha
vertente exterior, “centrada na coordinación coherente dos nosos intereses
pesqueiros galegos co Goberno de España e na achega da súa importancia á
Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e á Representación Permanente de España
ante a UE”.

Nesta mesma vía, a titular de Mar, subliñou o valor “da
forza que nos dá a igualdade de intereses con moitas das rexións do Arco Atlántico
e outras entidades de recoñecemento público como o Comité das Rexións”. Tamén é
clave, engadiu, “levar a nivel europeo a aposta por traballar en común co
sector”. De aí, explicou, “que queiramos afianzar o contacto coas entidades
pesqueiras representativas a nivel continental neste proceso, como a European
Fisheries Alliance”.

Outro reto ao que se referiu Rosa Quintana foi o da
estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth, iniciativa da Unión Europea para
o apoio ao crecemento sustentable de emprego e de riqueza vinculada ao mar.
Neste eido, a conselleira lembrou os resultados que se desprenden do Plan Blue
Growth Porto de Vigo 2016 – 2020, que arrancou en abril de 2016. Esta
iniciativa xestionou no primeiro ano de vixencia máis de 45 millóns de euros do
orzamento total, que supera os 200 millóns de euros e viu como os 39 proxectos
iniciais se transformaban en 48, “o que demostrou o espírito aberto da
iniciativa”. Destes proxectos, sinalou, a metade están activos.

 

Visita de
Opmega a Bruxelas

No marco das actividades que organiza a Fundación Galicia
Europa (FGE) para dar a coñecer a importancia da UE no sector pesqueiro,
representantes da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega)
visitaron tamén este mércores a nosa sede de Bruxelas. Alí foron recibidos pola
directora da oficina, unha asesora técnica en asuntos europeos e a
representante das Consellerías do Mar e Medio Rural na capital comunitario. Os
mexilloneiros puideron saber de primeira man as estratexias que Galicia está a
aplicar ante a UE en cuestións sensibles como o Brexit.