Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » Galicia avoga por unha alianza de rexións europeas para defender á frota ante o veto á pesca de fondo

Galicia avoga por unha alianza de rexións europeas para defender á frota ante o veto á pesca de fondo

07/10/2022 | ,

— A Xunta incide na necesidade de que o Goberno central, como Estado membro, siga traballando na vía do recurso, pide celeridade neste labor e ve fundamental insistir na suspensión temporal da medida, así como avanzar na vía da moratoria

— Apela á cautela en relación ao anuncio de deixar sen efecto a prohibición en 41 das 87 áreas pois o Executivo estatal non trasladou oficialmente a Galicia esa suposta decisión e pide seguridade xurídica e certezas para o sector

— A decisión publicada no Diario Oficial da Unión Europea tería un impacto de máis de 800 millóns de euros na economía galega e podería afectar a uns 4.400 tripulantes

Bruxelas, 7 de outubro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a importancia da unidade entre rexións pesqueiras europeas para defender á frota ante o veto da Comisión Europea á pesca de fondo. Nesta liña, incidiu na necesidade de que o Goberno central, como Estado membro, siga traballando na vía do recurso e pediu celeridade neste labor. Ademais, engadiu, Galicia considera fundamental insistir na suspensión temporal da medida e avanzar tamén nas xestións políticas co obxectivo de acadar unha moratoria.

Isto, explicou, permitiría gañar tempo para presentar todos os informes técnicos e científicos necesarios e dos que carece esta decisión unilateral da Comisión Europea, así como salvar unha campaña tan importante como é o Nadal para o sector pesqueiro. Así o expuxo na reunión do grupo de traballo de pesca da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), onde estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

En relación ao anuncio do Goberno central de que Bruxelas deixará sen efecto o veto en 41 das 87 áreas, Rosa Quintana apelou á cautela pois o Executivo estatal aínda non trasladou oficialmente a Galicia esa suposta decisión. Neste sentido, a Xunta considera que debe materializarse nalgún texto legal ou documento pois o regulamento recolle claramente que a prohibición afecta ás 87 zonas recollidas no seu anexo. Ademais ve primordial aportar seguridade xurídica ao sector e garantías ante a incerteza da frota en relación ás zonas nas que pode realizar a súa actividade e de que xeito.

De confirmarse isto, subliñou Rosa Quintana, sería unha noticia relativamente positiva, pero non a solución ao problema, xa que Galicia cuestiona todo o regulamento.

Falta de rigor e posible impacto

Neste sentido, a titular de Mar tamén fixo fincapé no dubidoso sustento legal e científico deste regulamento no que faltan pasos e documentos clave como a análise de impacto socioeconómico e información rigorosa, xa que se asenta sobre datos desactualizados dunha soa arte de pesca. Ademais, Rosa Quintana engadiu que a súa tramitación se realizou con escasa consulta e transparencia e que se aprobou sen un acordo unánime nin maioritario da Unión Europea.

En canto á incidencia que podería ocasionar o veto -publicado no Diario Oficial da Unión Europea e que entrará en vigor o próximo domingo-, a titular de Mar lembrou que, en termos xerais, tería un impacto na economía galega de máis de 800 millóns de euros. A maiores explicou que pode chegar a afectar a máis de 4.400 tripulantes -arredor do 40% do total na comunidade-, que repercute directamente na actividade de máis de 200 barcos de capital galego, e que pode afectar a outros 900 de xeito indirecto, co seu consecuente impacto nas vendas en lonxa, nos salarios das tripulacións e na prestación de bens e servizos, entre outros aspectos.

Entre as consecuencias desta prohibición, que ademais de a España tamén afecta a Francia, Irlanda e Portugal, a conselleira destacou que provocará o desprazamento da frota afectada cara a outras zonas que se verán sobrecargadas. De aí, insistiu, a necesidade de establecer contactos directos con representantes doutras rexións afectadas do mesmo xeito que Galicia está facendo con outras comunidades autónomas españolas xunto ás que ofreceu apoio ao Goberno estatal na presentación do recurso contra o regulamento de execución que veta a pesca de fondo.

A CRPM

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas nace no 1973 e reúne a unhas 160 rexións de 24 estados da Unión Europea e doutros países. Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo e orienta a súa acción cara a toma en consideración das necesidades e dos intereses das súas rexións membro nas políticas de grande impacto territorial. Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e o crecemento azul e a accesibilidade.

Tamén son áreas da súa actividade a gobernanza europea, a enerxía, o cambio climático, a veciñanza e o desenvolvemento. O encontro celebrado hoxe en Bruxelas é previo á 50ª Asemblea Xeral da CRPM que terá lugar o 26 e 29 de outubro en Creta e na que se abordarán temas relacionados co futuro da actividade extractiva e a Política Pesqueira Común.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data