Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » Galicia asume en Bruxelas a coordinación autonómica semestral no Consello da UE en materia de pesca, educación e cultura

Galicia asume en Bruxelas a coordinación autonómica semestral no Consello da UE en materia de pesca, educación e cultura

25/06/2026 |

— A conselleira do Mar, Marta Villaverde, salienta a responsabilidade de liderar unha postura común forte e coordinada que defenda os intereses do sector

Bruxelas, 25 de xuño de 2026. Galicia formalizou hoxe en Bruxelas o traspaso de funcións para asumir a representación do conxunto das Comunidades Autónomas en materia de pesca nos Consellos de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish). Esta designación, de carácter semestral, efectúase consonte ao sistema de rotación regulado ao abeiro dos acordos da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE).

O encontro, no que tamén participou Andalucía, como comunidade saínte nesas mesmas funcións, celebrouse na sede da Representación Permanente de España ante a UE (Reper) e tivo un carácter informativo e de coordinación loxística,. Alí, a delegación galega mantivo unha sesión de traballo dirixida a avaliar o peche das accións desenvolvidas baixo a presidencia semestral saínte de Chipre, así como a analizar as liñas estratéxicas e o novo programa que guiará a vindeira presidencia de Irlanda.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que o Goberno galego asume este liderado “coa máxima responsabilidade, lealdade institucional e co firme compromiso de traballar cunha soa voz” a carón do ministro do ramo, Luís Planas, en defensa dos intereses do sector.

O obxectivo central desta folla de ruta institucional liderada pola Consellería do Mar é forxar unha posición común forte e consensuada entre todas as autonomías, garantindo que as realidades socioeconómicas do sector pesqueiro e marisqueiro sexan defendidas con argumentos científicos sólidos nas negociacións en Bruxelas.

Ademais da área de pesca, Galicia exercerá durante este semestre a coordinación autonómica nos ámbitos de educación e cultura, participando nos traballos preparatorios dos correspondentes Consellos da Unión Europea e contribuíndo á definición dunha posición compartida entre as distintas comunidades autónomas. No eido da educación, a Presidencia irlandesa situará entre as súas prioridades o impulso das competencias STEM, o reforzo das capacidades dixitais, a preparación dos sistemas educativos para a era da intelixencia artificial, o avance do programa Erasmus+ e a promoción dunha educación máis inclusiva e accesible.

No ámbito cultural, os traballos centraranse na definición do novo Plan de Traballo da UE para a Cultura e no impulso de iniciativas vinculadas á promoción do patrimonio cultural europeo. Así mesmo, unha das prioridades transversais do semestre será a protección da infancia e da mocidade no ámbito dixital, con medidas orientadas a reforzar a seguridade en liña, avanzar en sistemas de verificación da idade e incorporar a voz dos máis novos ao deseño das futuras políticas europeas nesta materia.

Pesca: sustentabilidade e competitividade do sector

  • Negociación das posibilidades de pesca para 2027.
  • Xestión sostible dos stocks compartidos.
  • Futuro da Política Pesqueira Común.
  • Impulso á pesca e á acuicultura competitivas e sostibles.

Educación: competencias para a transformación dixital

  • Competencias para a era da intelixencia artificial.
  • Impulso das disciplinas STEM e das habilidades dixitais.
  • Avance do programa Erasmus+.
  • Educación inclusiva e formación ao longo da vida.

Cultura: patrimonio, cooperación e seguridade dixital

  • Novo Plan de Traballo da UE para a Cultura.
  • Promoción do patrimonio cultural europeo.
  • Apoio ás iniciativas culturais europeas.
  • Protección da infancia e da mocidade no ámbito dixital.

Fonte: Xunta de Galicia

Máis información: Programa de traballo da Presidencia irlandesa do Consello da UE

 

 

© Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data