Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

Galicia asume a coordinación autonómica ante o Consello da UE en materia de saúde para solicitar unha Europa da saúde máis forte e coordinada

01/07/2022 |

— Galicia coordinará a partir do 1 de xullo, e durante un semestre, os intereses das comunidades autónomas españolas ante o Consello da UE en materia de saúde.

— As prioridades do semestre serán a revisión da estratexia sanitaria global da UE, a creación dun espazo europeo de datos sanitarios e a construción dunha Europa que protexa a saúde.

— Así mesmo, Galicia entrega a testemuña da coordinación de emprego e asuntos sociais que asumiu o pasado 1 de febreiro, e que agora remata, centrada en garantir o acceso ao mercado laboral das persoas maiores e promover a contratación de persoas con discapacidade.

Bruxelas, 1 de xullo de 2022. A Xunta de Galicia asume hoxe mañá, 1 de xullo de 2022, a tarefa de coordinación autonómica en materia de sanidade no Consello da Unión Europea. Galicia representará ás Comunidades Autónomas no ámbito da saúde da formación EPSCO (Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores) do Consello durante o segundo semestre de 2022, coincidindo coa Presidencia rotatoria da República Checa. Así mesmo, Galicia abandona a coordinación autonómica no Consello da EPSCO en materia de emprego e asuntos sociais, mandato que asumiu o pasado 1 de xaneiro durante a Presidencia rotatoria de Francia. Este pasado luns 27 de xuño celebrouse a reunión de transferencia de competencias sanitarias na que Galicia tomou o relevo de Castela-A Mancha. Mañá venres, 1 de xullo, Galicia trasladará oficialmente a Canarias a coordinación das competencias de emprego.

 

Prioridades do novo semestre en materia de saúde

A primeira das prioridades deste novo semestre céntrase na revisión da estratexia da UE en materia de Saúde Global. O 19 de maio de 2022, a Comisión Europea anunciou o lanzamento dun proceso para desenvolver unha nova estratexia sanitaria global da UE en materia de saúde centrada na promoción do concepto ‘Unha soa saúde’. O obxectivo é garantir a protección dos cidadáns europeos e a capacidade da UE para responder aos retos neste ámbito. A última estratexia remóntase a 2010 pero tendo en conta os profundos cambios que se produciron desde entón (adopción da Axenda 2030 e dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), o acordo climático de París, a pandemia da Covid 19, a guerra de Ucraína, así como a aparición de novas zoonoses) cómpre estruturar unha resposta multilateral ás crises, como xa se está a debater no seo da OMS. Nesta liña, correspóndelle á UE consolidar unha visión europea dos problemas globais de saúde e transmitir os seus valores e obxectivos.

Outro dos temas que centrará o cuadrimestre nos temas de saúde será a creación dun espazo europeo de datos de saúde. O Consello seguirá traballando na proposta da Comisión sobre a creación deste espazo europeo de datos sanitarios. A proposta de Regulamento sobre o Espazo Europeo de Datos Sanitarios (EEDS) é un piar esencial da Unión Europea da Saúde, cuxo obxectivo é regular o uso primario e secundario dos datos. A proposta axudará ás persoas a tomar o control dos seus propios datos de saúde. Así, apoiará o uso destes datos para mellorar a prestación de atención sanitaria, a investigación, a innovación e a elaboración de políticas. Ademais, permitirá á UE explotar plenamente o potencial que ofrece o intercambio, o uso e a reutilización segura e protexida dos datos sanitarios.

No que respecta ao último dos grandes piares do semestre, o Consello seguirá apoiando a aplicación do paquete de medidas sobre a Unión Europea da Saúde. Entre elas, inclúense as negociacións entre o Consello e o Parlamento Europeo, que comezaron en novembro 2021 , con vistas a chegar a un acordo sobre un proxecto de Regulamento sobre ameazas transfronteirizas graves para a saúde, para reforzar a coordinación na preparación para as crises e o papel das axencias da UE.

Cesión da coordinación autonómica en materia de emprego

A partir de mañá, 1 de xullo, Galicia entregará o relevo a Canarias na coordinación autonómica de emprego e asuntos sociais, que asumiu o 1 de xaneiro de 2022. Durante estes meses, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu no Consello EPSCO da UE en dúas ocasións, os días 14 de marzo e 16 de xuño, centrada en garantir o acceso ao mercado laboral das persoas maiores e promover a contratación de persoas con discapacidade.

Galicia defendeu no Consello EPSCO da UE de marzo a posición común das comunidades autónomas para que as políticas de emprego atendan á demografía dunha UE cada vez máis envellecida e con menos persoas en idade de traballar. Neste sentido, pediu á UE que traballe na priorización da aprendizaxe e formación dos traballadores maiores de 50 anos, para garantir a súa integración no mercado laboral en igualdade de condicións e lograr así o avance no seu benestar, inclusión social e prosperidade económica. Un dos puntos que salientou Galicia foi a importancia de loitar contra os estereotipos negativos asociados ás persoas maiores e reflectir a heteroxeneidade que as caracteriza. Ademais, trasladouse a necesidade de integrar a perspectiva de xénero en todas as actuacións, xa que as mulleres maiores teñen maiores dificultades para acceder ao emprego.

No último Consello celebrado en xuño, Galicia reclamou da UE políticas específicas que garantan a formación e contratación de persoas con discapacidade e que integren a perspectiva de xénero. Así, a conselleira, en nome de todas as comunidades autónomas, solicitou un impulso para a creación e consolidación de centros especiais de emprego de iniciativa social, xa que o emprego constitúe un dos medios máis importantes para garantir a autonomía e a plena participación deste colectivo na sociedade. Galicia solicitou ao Consello que a UE desenvolva políticas máis específicas e vinculantes que garantan a non discriminación e apoien a formación e a adquisición de competencias profesionais das persoas con discapacidade. Tamén solicitou á UE máis recursos económicos e o desenvolvemento de programas públicos que inclúan incentivos para a contratación deste colectivo.

 Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data