Actualidade
Portada » Actualidade » Novas »
Galicia asina en Bruxelas a Alianza de Rexións do Sector da Automoción para traballar por unha transición xusta e equitativa das rexións que dependen desta industria
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) en Bruxelas.
— No pleno constituíuse a Alianza de rexións con industria da automoción coa aprobación dunha declaración que destaca a importancia deste sector clave para a economía galega.
— Jesús Gamallo foi ratificado como portavoz-coordinador do grupo do Partido Popular Europeo (PPE) na Comisión CIVEX que ten competencia en campos como a política de inmigración e asilo, a ciudadanía activa ou a cooperación descentralizada para o desenvolvemeto.
Bruxelas, 1 de xullo de 2022. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana nun novo pleno do Comité Europeo das Rexións, celebrado en Bruxelas os días 29 e 30 de xuño. Nesta sesión aprobáronse oito ditames e dúas resolucións políticas sobre o programa de traballo da Comisión Europea 2023 e sobre os resultados e seguimento da Conferencia sobre o Futuro de Europa. Ademais, constituíuse a Alianza de Rexiones con Industria de Automoción co obxectivo de garantir que a descarbonización do sector do transporte por estrada e da automoción na UE sexa xusta e non deixe a ningunha rexión atrás.
Como parte do paquete ‘Obxectivo 55’ co que se pretende reducir as emisións na UE polo menos nun 55% para 2030, a Comisión Europea propón reducir as emisións de CO2 dos turismo e vehículos comerciais lixeiros. Para 2035, todos os coches e furgonetas novas na UE deberían ser vehículos de cero emisións, o que significa a eliminación gradual dos motores de combustión interna para coches e furgonetas. Neste contexto, esta nova alianza europea pon de manifesto que esta descarbonización do transporte por carretera non se pode acadar sen medidas de transición xusta para a industria do automóbil e as rexións, baseadas nunha avaliación do impacto territorial e un diálogo social e multinivel.
A este respecto, Jesús Gamallo, sinalou que, para afrontar con garantías este reto, “o goberno galego busca reforzar a competitividade desta industria sabendo que iso implica, tanto unha rápida e radical transformación do sector, como un profundo impacto nas rexións automobilísticas”. Gamallo destacou a importancia estratéxica de que Galicia estea entre as 22 rexións fundadoras desta alianza. Ademais, explicou que esta declaración reivindica que o sector europeo da automoción e a súa cadea de valor sigan sendo competitivos a escala mundial ao tempo que se demanda unha atención particular ás consecuencias laborais e sociais desta transformación industrial.
Dictames e resolucións aprobadas no pleno
No pleno aprobáronse oito ditames, entre eles o referido á mellora das condicións laborais no traballo nas plataformas dixitais no que se sinala a importancia de que neste proceso participen as autoridades laborais, as autoridades de protección social e outras autoridades competentes en materia de seguridade e saúde no traballo. Outro dos ditames aprobados é o relativo á revisión da Directiva de eficiencia enerxética dos edificios (EPBD) na que se establece que se deben crear directrices para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios históricos e crear esquemas de financiamento específicos para este fin. Tamén se aprobou un ditame sobre a transición ecolóxica que ten por obxectivo crear centros climáticos rexionais e locais como puntos de información e lugares que fomenten que as localidades avancen na transición ecolóxica. Así mesmo, este ditame pretende adoptar medidas lexislativas para facer que todos os bens físicos no mercado da UE sexan máis respectuosos co medio ambiente, circulares e eficientes desde o punto de vista enerxético durante todo o seu ciclo de vida.
Ademais, no pleno aprobáronse dúas resolucións referidas ao programa de traballo da Comisión Europea para o ano 2023 e sobre os resultados da Conferencia sobre o futuro de Europa e o seu seguimento. Esta última resolución apoia o impulso do pacto verde, unha transición enerxética xusta e equilibrada, a inclusión da sanidade como competencia compartida, a implantación do piar social, o impulso demográfico ou a cooperación transfronteiriza.
Por último, lanzouse tamén a Alianza europea pola reconstrución de Ucraína na que o CdR propón unir forzas coas asociacións e redes europeas de autoridades locais e rexionais co obxectivo de traballar xuntos nunha “visión da Alianza” que, ademais de axudar financeiramente a Ucraína, provea coñecementos especializados e as mellores teconoloxías e coñecementos técnicos dispoñibles. Na sesión plenaria ademais tamén presentáronse e debatéronse as prioridades da Presidencia checa do Consello da UE para os próximos seis meses.
Novo presidente do Comité Europeo das Rexións
Os membros do Comité Europeo das Rexións tamén elixiron nesta sesión ao novo presidente do Comité das Rexións, o socialista Vasco Alves Cordeiro, deputado no parlamento rexional das Azores e ex-presidente do goberno rexional das Azores, e ata agora vicepresidente en funcións do CDR. O presidente saínte Apostolos Tzitzikostas, membro do Partido Popular Europeo e gobernador de Macedonia Central, foi elixido vicepresidente primeiro, cargo que exercerá durante os dous anos e medio restantes do mandato do CdR.
Así mesmo, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi ratificado como portavoz-coordinador do grupo do Partido Popular Europeo (PPE) na Comisión CIVEX (Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité Europeo das Rexións).
O Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.
Máis información: Xunta de Galicia
