Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Galicia aposta por unha Política Pesqueira Común que favoreza a renovación da frota para fomentar a remuda xeracional

Galicia aposta por unha Política Pesqueira Común que favoreza a renovación da frota para fomentar a remuda xeracional

07/06/2022 |

 

— A comunidade elaborou un decálogo de liñas estratéxicas en consenso co sector e os grupos parlamentarios co obxectivo de que a nova PPC se adecúe ás necesidades das rexións pesqueiras

 

— A titular de Mar apostou pola introdución de melloras a bordo das embarcacións así como as tecnoloxías verdes para ofrecer mellores condicións de traballo e facer máis atractiva a profesión para a mocidade

— Fomentar a participación da muller, controlar que só entren no mercado europeo os produtos pesqueiros dos países que cumpran coas normas establecidas ou unha homoxeneización da fiscalidade son outras das medidas defendidas por Galicia

— Este decálogo forma parte do ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca a prol dunha política pesqueira común social e de futuro, dun comercio pesqueiro xusto, dunha pesca sostible, da adaptación ao cambio climático e da cogobernanza global

 

A Coruña, 7 de junio de 2022.-

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de que a futura Política Pesqueira Común (PPC) se adecúe ás necesidades das rexións pesqueiras, un obxectivo ao que Galicia quere contribuír a través dun decálogo  de liñas estratéxicas incluído no ditame galego sobre a PPC. Entre elas atópanse a necesaria renovación da frota pesqueira, especialmente da artesanal, ampliado o tamaño das embarcacións e introducindo tecnoloxías verdes a bordo para permitir mellores condicións de traballo e facilitar a necesaria remuda xeracional no sector.

Así o manifestou durante a segunda e última sesión das xornadas Que futuro queremos para o sector pesqueiro da UE? Balance da aplicación e propostas de futuro para a política pesqueira común desde as rexións costeiras da UE?, organizadas pola Xunta en colaboración coa Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), onde participou nun debate sobre a aplicación da PPC que estivo moderado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Na liña de estimular a promoción da actividade marítimo-pesqueira e acuícola e facer máis atractiva a profesión para a mocidade, a titular de Mar fixo referencia tamén á necesidade de fomentar a participación da muller a través de programas de formación específicos e aumentar a implantación de medidas de conciliación laboral e persoal. Ao mesmo tempo, Rosa Quintana defendeu o uso de todos os instrumentos xurídicos de defensa comercial para que só entre no mercado europeo os produtos pesqueiros de axentes de terceiros países que cumpran coas normas establecidas.

Outro dos obxectivos específicos marcados desde Galicia céntrase na demanda á Unión Europea para que formule ante a Organización Mundial de Comercio (OMC) unha proposta de homoxeneización da fiscalidade en todos os países produtores internacionais de peixes e mariscos para que se manteña a bonificación a todos os combustibles ata que existan alternativas viables ao uso dos de carácter fósil.

A eles engádense outros como o recoñecemento da pesca artesanal, a acuicultura e o marisqueo como actividades fundamentais no eido socioeconómico para as rexións marítimas periféricas ou poñer de manifesto o papel esencial da proteína mariña na seguridade alimentaria europea e na conservación da biodiversidade, dada a súa baixa pegada tanto de carbono como hídrica.

A conselleira do Mar tamén fixo referencia á necesidade de reaxustar a asignación de cotas ás necesidades de disposición de posibilidades de pesca en razón do patrón da pesqueira efectuada. Ademais, expuxo a importancia de que calquera paso de futuro conte coa colaboración e aportación das estruturas representativas do sector marítimo-pesqueiro e acuícola. Así mesmo, avogou por abordar o establecemento das áreas mariñas protexidas, de forma proporcional, equilibrada e xustificada aos resultados obtidos nos estudos científicos pertinentes.

Por último, Rosa Quintana apostou pola gobernanza oceánica mundial co desexo de seguir traballando no recoñecemento e integración do papel que realizaron as sociedades mixtas de empresas conxuntas galegas; a defensa dos acordos de colaboración de pesca sustentable entre a UE e terceiros estados; e a necesidade de garantir unha xestión pesqueira sostible e equitativa en augas do Atlántico Nororiental con todos os medios normativos ao seu alcance.

Da man do sector

Este decálogo de liñas estratéxicas forma parte do ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca, que establece cinco eixos estratéxicos de cara á renovación da actual PPC: unha política pesqueira común social e de futuro, un comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

“En Galicia aproveitamos esta gran oportunidade para tomar unha posición de liderado na definición dos cambios que permiten reconducir os ditados da PPC ás necesidades das rexións costeiras e aos novos retos a nivel europeo e global”, indicou Rosa Quintana. Neste traballo destacou o valor da colaboración e consenso do sector, así como as aportacións de todos os grupos políticos do Parlamento galego.

Neste sentido, a conselleira do Mar explicou que Galicia está a facer partícipes aos representantes galegos no Senado, no Congreso dos Deputados e na Eurocámara a fin de que se sumen na adopción das actuacións oportunas na defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.

 

Más información: Xunta de Galicia

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data