- A
conselleira do Mar participou en Bruxelas no obradoiro “Aproveitar ao
máximo a inversión pública: gobernanza e cooperación”, do VII Foro de
Cohesión da Unión Europea
- A
conselleira explicou que este labor é froito dunha reorientación de fondos
levada a cabo pola Xunta dende o ano 2009 e coa mirada posta na
produtividade, a competitividade e a xeración de emprego e valor no sector
marítimo-pesqueiro
- Para
iso traballa con dúas ferramentas clave que son os grupos de acción local
do sector pesqueiro (GALP) e a estratexia de Crecemento Azul ou Blue
Growth
- Lembrou
que o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca reserva para Galicia 487 millóns
de euros en axuda pública ata o 2020
Bruxelas, 27
de xuño de 2017. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu
onte en Bruxelas a aposta da Xunta por potenciar a produtividade da pesca e por
diversificar as actividades do mar e aproveitar o seu potencial a través dos
fondos europeos. Para iso traballa con dúas ferramentas clave que son os grupos
de acción local do sector pesqueiro (GALP) e a estratexia de Crecemento Azul ou
Blue Growth. Así o explicou a titular de Mar no VII Foro de Cohesión da Unión Europea,
no marco dun obradoiro sobre o aproveitamento máximo do investimento público.
Rosa Quintana aproveitou para destacar a presenza de Galicia no encontro, a
única rexión de España que participa nel.
Nestas dúas vías de traballo, subliñou a conselleira,
Galicia ten en conta dous aspectos básicos, que son a cooperación co sector e a
cogobernanza, que tamén foron aplicadas na reorientación de fondos levada a
cabo pola Xunta dende o ano 2009. Unha reorientación, expuxo, coa mirada posta
na produtividade, a competitividade e a xeración de emprego e valor no sector
marítimo-pesqueiro. Todo isto, incidiu, atendendo tamén á sustentabilidade
ambiental do sector.
Ademais explicou que esta recondución dos fondos cara a un
maior valor engadido contribuíu á obtención de resultados como o récord de
facturación acadado no 2016 na primeira venda de produtos do mar nas lonxas,
que foi de preto de 500 millóns de euros. Tamén, destacou as cifras da
evolución positiva do emprego no sector no último ano e o freo da caída do
número de buques. A maiores, puxo de relevo a importancia de recuperar case 8
millóns de metros cadrados de zonas de marisqueo coa posta en marcha dun plan
de rexeneración, o que á súa vez favoreceu que desde o ano 2014 aumentasen os
permisos de explotación por primeira vez desde o 2000.
Os GALP e o
Blue Growth
En relación aos GALP, Rosa Quintana, destacou que son a
clave da diversificación social e económica. Un obxectivo que desenvolven,
subliñou, atendendo á prioridade 4 do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP),
que é o de o incremento do emprego e da cohesión territorial nas comunidades
costeiras e de interior dependentes da pesca e da acuicultura.
Neste sentido, sinalou que en Galicia hai 8 GALP,
distribuídos polas zonas do litoral e constituídos maioritariamente por
entidades do sector. Ademais engadiu que para o período 2016-2020 dispoñen dun
orzamento total de 57 millóns de euros para a posta en marcha dos seus
proxectos.
De feito, dende o seu lanzamento no 2016 hai máis de 100
proxectos aprobados e tamén se están a desenvolver outros catro fundamentados
na cooperación entre os diferentes grupos, un eido no que se están a
desenvolver catro proxectos, especificou a titular de Mar. Ademais engadiu que
a isto se suma a experiencia do período financieiro anterior cos grupos de
acción costeira (GAC), que desenvolveron máis de 400 proxectos.
En canto ao Blue Growth, destacou o labor desempeñado pola
Autoridade Portuaria de Vigo, coa que a Xunta traballa da man no
desenvolvemento dun plan baseado na participación activa do sector. Unha
estratexia de Crecemento Azul que busca, subliñou Rosa Quintana, un porto
conectado, innovador, verde e inclusivo. Para iso, a través desta estratexia,
xa se solicitaron case 50 millóns de euros de fondos europeos e de
financiamento público-privado, máis dun 20% do orzamento total, que supera
os 200 millóns de euros. Ademais lembrou
que con ela se pretende poñer en marcha 48 proxectos específicos, dos que a
metade xa están activos.
Galicia e o
FEMP
Durante a súa intervención, a conselleira do Mar tamén puxo
de relevo a importancia que teñen os fondos europeos para Galicia e de xeito
específico para o sector marítimo-pesqueiro e falou da importancia deste sector
na comunidade autónoma galega. Neste sentido, lembrou que o valor engadido
bruto da pesca e da acuicultura é en Galicia 25 veces superior ao da UE e máis
de seis veces superior ao de España.
A maiores, lembrou que o FEMP reserva para Galicia 487
millóns de euros en axuda pública ata o 2020. Deles 371 proceden directamente
da UE e o resto son aportados por España e Galicia, explicou. A maiores, Rosa
Quintana engadiu que Galicia ten reservados o 51% do dispoñible en España para
as comunidades autónomas, debido ao seu peso no total español da pesca.