Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Desenvolvemento Rural » Galicia aposta pola dixitalización no rural como xeito de acadar o desenvolvemento sustentable na UE

Galicia aposta pola dixitalización no rural como xeito de acadar o desenvolvemento sustentable na UE

31/01/2023 | ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe no primeiro encontro do ano da Comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións, onde se abordou a necesidade de avanzar nas transicións dixital e ecolóxica co apoio do rural

Bruxelas, 31 de xaneiro de 2023. O Comité Europeo das Rexións (CdR) aprobou, no primeiro encontro da Comisión de Recursos Naturais (NAT) deste 2023, un ditame que afonda nos obxectivos e ferramentas para acadar unha Europa rural intelixente. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na xuntanza como representante da Xunta.

O CdR recoñeceu que as transicións verde e dixital supoñen unha oportunidade para reactivar a vida e as economías non urbanas e, polo tanto, que a innovación ten que xogar un rol fundamental no desenvolvemento dos espazos rurais.

Nesta liña, no encontro abordouse a necesidade de apostar por rehabilitacións e novas construcións con alta eficiencia enerxética, así como mellorar as infraestruturas de comunicacións. Outros elementos a ter en conta son o desenvolvemento da economía circular, a modernización da agricultura, a bioeconomía e a economía azul ou a agroforestal. Os membros de NAT debateron sobre a posibilidade de establecer obxectivos comúns a nivel europeo e recomendaron a aplicación de sete principios á hora de constituír as chamadas “aldeas intelixentes”.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, lembrou o peso do rural en Galicia “dende un punto de vista tanto social como económico”. Así, recoñeceu que cada decisión comunitaria para estimular e favorecer este modo de vida será ben recibida pola comunidade. “Procúrase que o despoboamento non faga morrer espazos con séculos de historia. O rural galego, así como o europeo, están cheos de oportunidades que, grazas ás novas tecnoloxías, minimizan as diferenzas coa vida nas cidades”, engadiu Gamallo.

“O rural galego e europeo está cheo de oportunidades que, grazas ás novas tecnoloxías, minimizan as diferenzas coa vida nas cidades”

As comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a un dous obxectivos políticos prioritarios da UE: reforzar a democracia europea.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data