Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Emprego e Asuntos Sociais » Galicia aposta no comité europeo das rexións por captar talento nas áreas en declive demográfico

Galicia aposta no comité europeo das rexións por captar talento nas áreas en declive demográfico

17/03/2023 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destaca o labor da Xunta por crear un ecosistema de atracción do talento

— A Xunta apoia unha maior cooperación europea na regulación dos medios de comunicación

Bruxelas, 17 de marzo de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana na segunda sesión plenaria deste ano do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que se debateu sobre unha resolución centrada en como aproveitar o talento nas rexións de Europa. No encontro interveu tamén a vicepresidenta de Democracia e Demografía da Comisión Europea, Dubravka Šuica.

A resolución do CdR responde ao Mecanismo para o impulso do talento, anunciado en xaneiro pola Comisión Europea, que suxire varias medidas para axudar as rexións máis afectadas polo declive demográfico e a fuga de talento dos seus territorios. O CdR destaca exemplos de políticas locais para reter ou atraer poboación, como os programas de coaching, a implicación dos mozos na procura de solucións a retos locais ou as campañas de información para promover a vida fóra das cidades densamente poboadas, aproveitando as oportunidades que ofrece o traballo a distancia. O perfeccionamento e reciclaxe profesional para adaptarse ás necesidades cambiantes do mercado laboral é outro dos grandes apartados desta resolución.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou a atención que está a prestar a UE agora a este tema, xa que se pode ver “unha clara diferenciación entre as zonas que absorben talento e poboación e aquelas que están a perdelo”. Galicia non se atopa entre as 82 rexións identificadas pola Comisión Europea por estar nunha “trampa de desenvolvemento do talento”. A este respecto, Gamallo destacou os esforzos da Xunta por atraer talento á comunidade, como a Estratexia Galicia Retorna ou a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia .

O Comité Europeo das Rexións tamén aprobou un ditame referido á futura lei europea de Liberdade dos medios de comunicación, no que apoia os esforzos desta proposta por salvagardar o pluralismo e independencia. A Xunta salienta a necesidade de ampliar os ámbitos territoriais de cobertura tradicionais, facilitando os sinais audiovisuais entre comunidades transfronteirizas, e apoia o establecemento dun marco europeo de coordinación para as novos órganos reguladores que están a crearse.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa, como oficina de representación da Xunta de Galicia en Bruxelas, presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data