Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

Galicia aposta en Bruxelas por unha transición ordenada no marco do debate “Obxectivo 55”

26/04/2022 | , ,

 

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou esta semana na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) en Bruxelas
— Cinco dos 14 ditames aprobados durante esta sesión recibiron emendas por parte de Galicia, especialmente os referidos ao paquete lexislativo “Obxectivo 55” para a redución das emisións de gases contaminantes en 2030
— O pleno comezou cun debate sobre a guerra en Ucraína no que interviñeron varios alcaldes ucraínos como os de Kiev e Mariupol, así como os comisarios europeos de Cohesión e Xestión de Crise
— O representante galego interveu no debate sobre a nova asociación UE-Reino Unido como novo membro do Grupo de Contacto entre o CdR e os entes subestatales británicos

Bruxelas, 28 de abril de 2022.-  O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo,  participou esta semana no segundo pleno do ano do Comité Europeo das Rexións, celebrado en Bruxelas. Galicia contribuíu a esta sesión coa introdución de máis de 30 emendas (aprobadas na súa maioría) a cinco dos 14 ditames adoptados, en especial a aqueles referidos ao Obxectivo 55, o importante paquete lexislativo que está a debate actualmente na UE para reducir as emisións de gases contaminantes nun 55% para o ano 2030. 

En relación coa reforma do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE e co novo mecanismo de axuste en fronteira  das emisións de carbono, Galicia logrou introducir un punto novo no ditame no que se recalca a necesidade de mellorar os mecanismos regulatorios e de control para evitar movementos especulativos en torno ao prezo de CO2, dado que estes poden producir impactos considerables tanto nos prezos enerxéticos como nos propios sectores afectados. 

Noutro ditame referido a como debería modificarse o uso da terra agrícola e forestal para aumentar a absorción de CO2, Galicia alertou sobre un posible aumento do custo das aseguradoras para as explotacións agrarias. No tocante á revisión das normas da UE sobre axudas estatais á agricultura, as zonas rurais e a silvicultura, Galicia destacou o papel das explotacións forestais, xa que “contribúen a salvagárdaa e protección do territorio de igual maneira que as agrícolas, sendo especialmente as pequenas e medianas explotacións as que manteñen maior vinculación co territorio e contribúen así á loita contra o abandono.” 

Por último, 13 emendas galegas foron incorporadas á opinión das rexións e municipios europeos sobre as novas “Misións da UE” coas que se quere dar respostas a cinco grandes retos: a loita contra o cancro, a adaptación ao cambio climático, a protección dos mares e augas, a transformación das cidades para que sexan máis ecolóxicas e intelixentes e a restauración dos solos para garantir a seguridade alimentaria. Galicia reivindica unha implicación real das rexións nestas Misións e a adecuada combinación do financiamento a todos os niveis (local, rexional, nacional, europea) para que resulten un éxito. 

Cooperación cos alcaldes ucraínos

O pleno comezou o mércores coa conexión en directo con Ucraína, na que os alcaldes de Kiev, Leópolis, Mariúpol, Melitopol e Járkov explicaron a situación actual das súas cidades e expresaron a súa petición de apoio á UE en materia de axuda humanitaria e reconstrución.  Durante máis de tres horas de debate cos comisarios europeos Elisa Ferreira e Janez Lenarčič, os membros do CDR explicaron como as súas rexións e municipios están a axudar aos refuxiados e os retos aos que se enfrontan. Uns 5,2 millóns de ucraínos fuxiron de Ucraína, segundo a ONU. 

O CdR aprobou, ademais, unha Resolución na que reclama a liberación inmediata dos alcaldes ucraínos secuestrados e solicita instrumentos adecuados para a acollida dos refuxiados ucraínos a nivel local. Destaca tamén a cooperación existente desde 2015 entre as autoridades locais ucraínas e o CDR a través do seu Grupo Operativo para Ucraína. “Esta cooperación facilitou as reformas levadas a cabo en Ucraína en materia de descentralización e desenvolvemento rexional nos últimos anos. Hoxe en día, esta forte democracia local é un elemento importante da resistencia ucraína contra os invasores rusos“, destacou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE , Jesús Gamallo. 

Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e o Reino Unido

Durante o debate posterior co vicepresidente da Comisión Europea, Maroš Šefčovič, sobre a nova relación UE-Reino Unido, o director xeral interveu para destacar unha vez máis que o Acordo de Comercio e Cooperación, vixente desde 2021, non prevé un mecanismo formal para que as entidades rexionais e locais participen na súa execución, a pesar de ser as responsables, en moitos casos, de apoiar aos sectores económicos directamente impactados. 

Na reunión da Mesa previa a este pleno celebrada o mércores, Jesús Gamallo foi designado membro do Grupo de Contacto entre o CdR e Reino Unido. Este foro asegura desde 2020 o diálogo político entre os gobernos subnacionales europeos e británicos. 

O Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas