Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Medioambiente e clima » Galicia apoia no Comité Europeo das Rexións a mellora do tratamento de augas residuais urbanas e solicita un apoio financeiro suficiente e sostible

Galicia apoia no Comité Europeo das Rexións a mellora do tratamento de augas residuais urbanas e solicita un apoio financeiro suficiente e sostible

07/07/2023 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na comisión plenaria na que se debateu sobre o Marco Financeiro Plurianual e o plan industrial do Pacto Verde

Bruxelas, 7 de xullo de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana nunha nova sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se debateu sobre o Marco Financeiro Plurianual (MFP) da UE e o plan industrial do Pacto Verde. O encontro contou coa presenza de Thierry Breton, comisario de Mercado Interior.

Entre os nove ditames aprobados na sesión plenaria, destaca o referido á revisión da Directiva sobre o tratamento das augas residuais. Galicia incluíu no texto emendas relativas a diferentes prazos de xeito que estes sexan coherentes e acordes coa planificación hidrolóxica, así como de cara a clarificar a redacción proposta e evitar a necesidade interpretar o texto de xeito que dificulte a súa aplicación.

Jesús Gamallo celebrou a revisión deste ditame de augas residuais salientando a importancia dun “apoio financeiro europeo suficiente” para acadar os obxectivos establecidos neste eido. O director xeral puxo como exemplo a Galicia, que leva moito tempo traballando para cumprir coa normativa europea e garantir a calidade das súas augas. De feito, destacou os esforzos da nosa rexión por “mellorar a eficiencia enerxética no proceso de tratamento de augas residuais, para conseguir depuradoras con sistemas de tratamento máis sostibles”.

O Pacto Verde industrial e as materias primas fundamentais

Debido á inestabilidade do contexto internacional e á necesidade de xerar unha industria autosuficiente para a produción de elementos clave na transición verde e dixital, a Comisión publicou o Paquete de materias primas críticas co obxectivo de reforzar as fases da cadea de subministro, diversificar as importacións, mellorar as capacidades da UE para controlar o subministro e garantir a súa libre circulación no mercado único asegurando un alto nivel de protección ambiental.

O Comité das Rexións apoia este paquete pero salienta que se deben ter en conta as rexións menos desenvolvidas para a instalación de proxectos. Nese senso, o director xeral comentou que para Galicia é fundamental “aproveitar as sinerxías das iniciativas do Pacto Verde Europeo e impulsar nas rexións e cidades a mellora e reconversión das cualificacións profesionais”. Así, Gamallo explicou a aposta en Galicia pola política industrial e a transición xusta a través da creación do Fondo de Transición Xusta de Galicia e sendo unha das rexións fundadoras da Alianza de Rexións con industrias da Automoción.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data