Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima »Galicia amosa unha evolución positiva nos primeiros datos a nivel rexional sobre avance nos obxectivos de contaminación cero para 2030
— A nosa comunidade presenta mellores datos que a media europea e española en catro dos cinco indicadores dispoñibles
— É a segunda autonomía que máis reduciu a contaminación das augas urbanas e a quinta que máis mellorou a calidade do aire
Bruxelas, 5 de marzo de 2025. A Comisión Europea e a Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) publicaron o segundo informe sobre o seguimento e as perspectivas da contaminación cero que ofrece unha visión xeral do labor da UE para cumprir os obxectivos de contaminación cero para 2030. O Executivo comunitario tamén publicou o seu cuarto informe sobre as perspectivas para un aire limpo.
Os informes amosan que as políticas da UE contribuíron a reducir a contaminación atmosférica, o uso de praguicidas e o lixo plástico no mar, pero os niveis de contaminación seguen sendo demasiado elevados. Especialmente, debido ao ruído nocivo, as liberacións de microplásticos no medio ambiente, a contaminación por nitratos e a xeración de residuos. Segundo os informes, é necesario adoptar medidas moito máis enérxicas na UE para acadar os seus obxectivos de redución da contaminación para 2030.
Dos 11 obxectivos establecidos para 2030, dous están en vías de acadarse, tres teñen moita probabilidade de facelo, tres presentan poucas probabilidades e outros tres están moi afastados dos indicadores fixados.
Os datos de Galicia
Ambos informes veñen acompañados do primeiro cadro de indicadores de contaminación cero que amosa os avances realizados polas rexións da UE na consecución dun aire, unha auga e un solo máis limpos. O cadro compara as rexións entre si e coa media da UE, baseándose en varios indicadores de contaminación ambiental que abordan a saúde, a protección dos ecosistemas e a biodiversidade, así como a produción e o consumo.
Galicia presenta mellores datos que a media europea en canto a calidade do aire, das augas de baño e das augas residuais urbanas, ademais dun maior progreso no descenso da contaminación industrial, que se viu reducida en case un 70% no período entre 2017 e 2021.
En comparación con outras comunidades autónomas, a nosa é a segunda que máis reduciu a contaminación das augas urbanas e a quinta que máis mellorou a calidade do aire.
Galicia só presenta cifras algo superiores á media europea en canto a contaminación aérea por nitróxeno, aínda que a evolución é moi positiva nos últimos 15 anos rexistrados, entre 2020 e 2015, cun descenso de case o 15%.
Fonte e máis información: A UE avanza cara os obxectivos de contaminación cero para 2030, pero é necesario adoptar medidas máis enérxicas (Comisión)

© Marta Ortigosa, Pexels