Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

Galicia advirte a Bruxelas de que as propostas para limitar a pesca de fondo ameazan máis do 20% dos barcos e un terzo dos empregos da frota artesanal

02/05/2022 |

 

— O documento acredita que as posibles restricións a esta frota afectarían a preto de 900 embarcacións de artes menores e 2.100 profesionais que capturan ao ano máis de 21.000 toneladas de produtos do mar e facturan arredor de 120 millóns de euros 

— Esas medidas terían un impacto potencial no conxunto da economía galega de preto de 280 millóns de euros contando unicamente a actividade vencellada coa frota artesanal 

— A Xunta lembra que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e que unha limitación á presenza dalgunhas delas podería derivar na perda de buques e empregos

— A comunidade seguirá expoñendo os seus argumentos e buscando alianzas con outras rexións europeas para contrarrestar os plans da Comisión Europea.

 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022.- A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, mantivo hoxe encontros con distintos representantes da Comisión Europea para analizar as propostas comunitarias para limitar a pesca de fondo e presentarlles un informe elaborado pola Xunta que cuantifica o impacto que esas medidas terían na frota artesanal da comunidade. O documento constata que as restricións para artes que teñen contacto co fondo ameazan máis do 20% dos buques de artes menores de Galicia e un terzo do emprego directo desta frota.

A análise realizada polo Executivo galego cifra en preto de 900 as unidades de artes menores -miños, trasmallos, vetas, rastros de vieira, bou de vara ou bou de man, entre outras- potencialmente afectadas dun total de 3.800 embarcacións artesanais. Tendo en conta que cada barco conta cunha media de 2,4 tripulantes, as posibles limitacións da actividade prexudicaría a máis de 2.100 profesionais. 

Silvia Cortiñas expuxo ante representantes da Dirección Xeral de Medio Ambiente (DG ENVI) e da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea os argumentos de Galicia ante os plans da Unión Europea e advertiu de que as limitacións á pesca de fondo teñen un potencial impacto na economía galega de preto de 280 millóns de euros, contando unicamente a actividade vencellada coas artes menores.

Desa cifra, arredor de 120 millóns de euros correspóndense coas vendas dos seus produtos en lonxa -con especial relevancia dos trasmallos (case 40 millóns), miños (34 millóns) e vetas (máis de 20 millóns)- que superaron as 21.500 toneladas de produtos do mar postas no mercado. Novamente volven predominar os trasmallos, con 5.800 toneladas, os miños, con máis de 5.700, e as vetas, con algo máis de 4.000 toneladas.

A repercusión das restricións ás artes que tocan o fondo mariño terían ademais unha incidencia potencial nos salarios da tripulación de 44 millóns de euros, o que suporía un recorte medio de salario por tripulante de preto de 21.000 euros na frota costeira artesanal. A eles habería que sumar tamén o impacto indirecto dos bens e servizos provistos aos barcos, que roldaría os 55 millóns de euros, contando actividades como a provisión de combustible, xeo, víveres, servizos de reparación ou administrativos, entre outros.

Coa presentación deste informe Galicia avanza nas xestións para contrarrestar os plans da Comisión Europea e doutras institucións comunitarias para impoñer limitacións e restricións á pesca con artes de fondo en augas europeas. O obxectivo é que autoridades competentes sexan conscientes do impacto que as medidas propostas ao abeiro da Estratexia de Biodiversidade para 2030 poden ter, desde o punto de vista socioeconómico, na frota de artes menores.

Outros informes
Este documento dá continuidade aos xa enviados pola comunidade a Bruxelas e nos que se constata tanto a escasa pegada de carbono e a nula pegada hídrica que teñen moitas artes de arrastre de menor tamaño -algo que referendan tamén informes internacionais- como a existencia de elementos alleos á pesca que inciden nas zonas mariñas protexidas e afectan ao seu estado.

Neste sentido, Galicia tamén pediu ao Executivo comunitario coñecer os ditames biolóxicos, económicos e sociais que sustentan a proposta europea de aumentar as áreas con limitacións á pesca con determinadas artes.

A comunidade lembra que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e que unha limitación á presenza dalgunhas artes complicaría a actividade dun importante número de embarcacións e podería derivar na perda de buques e empregos. Por iso, a Xunta traballa tamén no establecemento de alianzas con aquelas rexións pesqueiras europeas que, ao igual que Galicia, se verían afectadas por esas novas restricións e vai dar continuidade nos próximos meses aos encontros mantidos a comezos de febreiro coas autoridades pesqueiras da Bretaña francesa e facer o mesmo coas de Países Baixos ou Irlanda.

Silvia Cortiñas defendeu en Bruxelas que é un erro catalogar algunhas artes como prexudiciais, pois o seu impacto depende en boa medida do uso que se lle dea, e salientou o bo facer da frota española, que usa as distintas artes seguindo estritamente a lexislación en vigor. Ese bo facer, salientou, é o que levou a que a maioría das pesqueiras nas que faenan os buques galegos se atopen no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dun caladoiro sen prexudicar o estado do recurso.

Galicia sempre defendeu, e así o vai seguir facendo, a necesidade de que na xestión das pesqueiras se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais. Iso é o que pretende demostrar o informe sobre as artes de fondo pois detrás de cada embarcación e de cada especie hai familias que teñen nelas o seu sustento, polo que non se poden xestionar os recursos desde unha perspectiva exclusivamente medioambiental. 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data