Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » EmigraSON 2024: a Fundación Galicia Europa colabora coa 2ª edición do festival galego en Bruxelas

EmigraSON 2024: a Fundación Galicia Europa colabora coa 2ª edición do festival galego en Bruxelas

11/03/2024 |

— A capital europea bailou ao ritmo de cinco artistas e grupos do panorama musical galego actual. 

— Ademais dos concertos, no programa do EmigraSON 2024 tamén tiveron cabida un recital de poesía, unha foliada e o I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro.

Bruxelas, 11 de marzo de 2024. Bruxelas volveu a vibrar ao son da música e da cultura de Galicia a pasada fin de semana coa segunda edición do EmigraSON, o primeiro festival galego en conquistar a capital europea. Cun extenso programa que ocupou dúas xornadas, o evento demostrou que o éxito acadado no seu estreo o ano pasado non foi fortuíto.

Trátase dunha iniciativa emprendida por un grupo de amigos, de sete rapaces e rapazas afincadas na cidade belga con ganas de importar algo da casa. Entre as entidades colaboradoras está a Fundación Galicia Europa, en liña co seu compromiso coa promoción da nosa rexión no ámbito europeo.

EmigraSON 2024

A segunda edición do festival arrancou da man de Lucía Aldao e María Lado, as integrantes de Aldaolado, o dúo de poesía escénica de referencia en Galicia. Defenderon a súa proposta na tarde do venres no Instituto Cervantes, cun espectáculo no que converxeron poesía, humor, irreverencia e música.

Foi precisamente esta última a que se trasladou ao Centro García Lorca para poñerlle o broche á primeira xornada. Alí tivo lugar unha foliada que correu a cargo de Alumea, un grupo folclórico integrado por fillas e netas de galegos emigrantes a Bélxica que leva tres décadas facendo soar a nosa música tradicional por Europa.

O prato forte do festival servírono o sábado pola tarde os cinco artistas e grupos do panorama musical actual de Galicia que integraban o cartel do EmigraSON. No escenario da sala La Tricoterie sucedéronse Catuxa Salom (A Pontenova), Ataque Escampe (Compostela), Lontreira (Illa de Arousa), The Rapants (Muros) e Grande Amore (A Mariña).

I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE)

InvestiGAL foro

Tamén no marco do festival, a pasada fin de semana subíronse aos escenarios de Bruxelas numerosos investigadores galegos e vinculados a Galicia que traballan no extranxeiro. Fixérono durante a primeira edición do Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE), organizado pola Rede Galega pola Investigación (InvestiGal) co obxectivo de visibilizar o traballo neste eido e fomentar o contacto con Galicia e co que se está a facer desde a nosa rexión.

Foi a oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa a que acolleu a primeira parte do foro, na que destacaron a presentación sobre oportunidades de financiamento da man de José M. Fernández de Labastida, un dos responsables do Consello Europeo de Investigación (ERC), e a mesa redonda sobre a estratexia de política científica da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e das universidades públicas de Galicia.

Do programa do sábado, pola súa parte, destacou unha xornada divulgativa baixo o título de “Habelas, hainas: investigacións galegas en Europa”. Ademais, ambos días abundaron os relatorios de investigadores especializados en distintas disciplinas, desde a sociolingüística ata a bioquímica pasando pola arqueoloxía.

Máis información: EmigraSON

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas