- O Parlamento galego debate hoxe a aprobación definitiva desta norma, que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en elevar a cuestión demográfica a rango de Lei
- O presidente do Goberno galego destaca a posta en marcha de iniciativas como as casas niño, a Tarxeta Benvida ou a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos
- Insiste na necesidade de que os fondos comunitarios se asignen en función das condicións demográficas de cada rexión europea e das medidas efectivas que se están a levar a cabo en cada lugar
- A Xunta enviará á Comisión Europea un informe sobre as principais políticas demográficas que puxo en marcha Galicia durante os últimos anos
Santiago, 26 de xaneiro do 2021. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou á vicepresidenta para a Democracia e a Demografía da Comisión Europea, Dubravka Šuica, as liñas xerais da Lei de impulso demográfico e as medidas impulsadas desde Galicia nesta materia. Fíxoo durante unha reunión por videoconferencia, organizada pola Fundación Galicia Europa, que mantivo hoxe coa mandataria europea, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. Nesta xuntanza, Šuica agradeceu a implicación de Galicia nestas políticas.
O titular do Goberno galego destacou que esta Lei, que se aproba hoxe definitivamente no Parlamento galego, ten unha gran importancia “tanto a nivel simbólico como normativo”. Neste sentido, concretou que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma de España en elevar a cuestión demográfica a rango de lei; e por outro lado, consolida e blinda medidas que se foron introducindo nos últimos anos e dá amparo legal a novas iniciativas.
Feijóo sinalou que este texto normativo aborda o reto demográfico desde unha perspectiva transversal. Nel, inclúense medidas de apoio ás familias, facilidades para a conciliación, para o equilibrio territorial, políticas para a xuventude, para o fomento do retorno e para a captación de nova poboación, así como medidas para un envellecemento activo.
O presidente deulle a coñecer á vicepresidenta da Comisión Europea as medidas postas en marcha na nosa Comunidade nesta materia. Púxolle como exemplo as casas niño, que ofrecen un servizo de conciliación aos concellos do rural e nas que se investiron xa máis de 8,5 millóns de euros para poñer en marcha 78 centros; a Tarxeta Benvida, que concedeu axudas a máis de 66.600 familias para a crianza dos nenos durante os seus primeiros anos e que xa totaliza un investimento de máis de 91 millóns de euros; ou a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, que beneficia xa a 14.000 familias cun investimento de 14 millóns de euros.
Asignar fondos segundo as condicións demográficas e as políticas implantadas
Feijóo insistiu ante Dubravka Šuica na necesidade de que as institucións comunitarias teñan en conta, á hora de asignar os fondos, as condicións demográficas de cada rexión europea (como o envellecemento ou a dispersión) e as medidas que se están a levar a cabo para afrontar este desafío.
Informe para a Comisión Europea sobre as medidas de Galicia
O presidente da Xunta avanzou tamén que enviará á Vicepresidencia para a Democracia e a Demografía da Comisión Europea un informe sobre as principais políticas demográficas que puxo en marcha Galicia durante os últimos anos.
Así mesmo, a vicepresidenta da Comisión Europea trasladou a súa vontade de coñecer os proxectos de Galicia para afrontar o reto demográfico e a loita contra a despoboación e pediu que se lle trasladasen ás institucións europeas a través do Goberno central. A este respecto, no mes de decembro a Xunta de Galicia remitiu ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico as súas manifestacións de interese.
Fonte: Xunta de Galicia