Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »Bruxelas acolle a exposición “Da adhesión á cohesión. España en imaxes”, un percorrido polos 40 anos de España na Unión Europea
— A mostra está organizada pola Fundación Galicia Europa no marco da presidencia galega da delegación española no Comité Europeo das Rexións
— Ofrece un percorrido visual polos proxectos que transformaron España neste 40 anos grazas ao apoio dos fondos europeos
Bruxelas, 24 de marzo de 2026. O Comité Europeo das Rexións acolleu hoxe a inauguración da exposición fotográfica “Da adhesión á cohesión. España en imaxes”, unha mostra que conmemora os 40 anos da entrada de España na Unión Europea a través dun percorrido visual polos proxectos que transformaron o país grazas ao apoio dos fondos europeos.
© European Union, 2026 / Giedrė Daugėlaitė | Consulta máis imaxes da inauguración aquí.
A exposición, organizada pola Fundación Galicia Europa no marco da presidencia galega da delegación española no Comité das Rexións, reúne un total de 19 proxectos representados en 17 imaxes —unha por cada comunidade autónoma— e dúas adicionais de entes locais. A mostra ofrece unha visión do impacto da política de cohesión na vida das persoas en ámbitos como a innovación, a sustentabilidade, o transporte ou a modernización de infraestruturas.
A cohesión, eixo central do proxecto europeo
Baixo o título “Da adhesión á cohesión”, a exposición propón unha reflexión sobre o camiño percorrido por España desde a súa integración na UE, destacando como a cooperación europea contribuíu ao desenvolvemento económico, social e territorial do país.
O acto contou coas intervencións da presidenta do Comité Europeo das Rexións, Kata Tüttő; a directora xeral de Política Rexional da Comisión Europea, Themis Christophidou, e o secretario de Estado para a Unión Europea, Fernando Sampedro Marcos. Nun momento en que se cuestiona a política de cohesión de cara ao futuro orzamento comunitario, todos destacaron a importancia dos fondos estruturais na modernización de España e o exemplo de éxito que supón esta política para o proxecto de construción europea.
Así tamén o salientou a directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos: “Desde o inicio, coa adhesión de España á Unión Europea, as nosas rexións asumiron un papel fundamental na xestión da política de cohesión, un instrumento clave para avanzar cara á converxencia económica e o mercado único”.
A exposición pon o foco no concepto de cohesión como elemento central do proxecto europeo: garantir que o desenvolvemento chegue a todos os territorios e que ningún quede atrás, ao tempo que invita a reflexionar sobre o futuro dunha Europa que debe seguir investindo nas persoas e nos territorios.
© European Union, 2026 / Giedrė Daugėlaitė