Actualidade

Portada » GL Europe Direct Galicia » Europe Direct Galicia participa no Impact Campus Galicia para impulsar a innovación no rural

Europe Direct Galicia participa no Impact Campus Galicia para impulsar a innovación no rural

27/04/2026 |

— Europe Direct Galicia participa no Impact Campus Galicia, unha iniciativa que reuniu máis de 130 persoas en San Xoán de Río para impulsar solucións innovadoras aos retos do medio rural.

San Xoán de Río, 25 de abril de 2026. Europe Direct Galicia participou no Impact Campus Galicia, unha iniciativa celebrada entre os días 9 e 12 de abril no municipio de San Xoán de Río (Ourense), que reuniu a máis dun cento de persoas vinculadas ao ecosistema emprendedor, institucional e social co obxectivo de xerar solucións innovadoras para o medio rural.

Este encontro, concibido como unha experiencia de convivencia e innovación aberta, congregou a 131 participantes procedentes de 20 cidades e varias comunidades autónomas, incluíndo persoas emprendedoras, representantes institucionais, investidores, empresas, alumnado universitario e poboación local . Europe Direct Galicia formou parte deste ecosistema diverso, contribuíndo ao diálogo e ao intercambio de coñecemento arredor dos desafíos do territorio.

Durante catro días, o Impact Campus combinou actividades de inmersión no contorno, traballo colaborativo e espazos de networking, co obxectivo de fomentar a conexión entre perfís diversos e promover solucións aliñadas coas necesidades reais do rural galego. A metodoloxía baseouse na escoita activa da comunidade local e no traballo conxunto sobre retos previamente identificados.

Neste sentido, o Campus centrou a súa actividade en dous desafíos clave para o municipio:

  • A mobilidade e o transporte, con especial atención a solucións de transporte compartido e á demanda.
  • O acceso á vivenda, orientado á rehabilitación de inmobles e á atracción de nova poboación.

Como resultado do traballo colectivo, xeráronse varias propostas de solución, que abranguen desde iniciativas de mobilidade comunitaria ata proxectos de cohousing, emprendemento rural ou dinamización social. Estas ideas constitúen unha base para futuras accións orientadas ao desenvolvemento sostible do territorio.

A iniciativa, impulsada por entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de San Xoán de Río, tivo ademais unha destacada repercusión mediática e contribuíu a posicionar o municipio como un espazo de innovación e oportunidade no ámbito rural .

A participación de Europe Direct Galicia neste tipo de iniciativas enmárcase no seu compromiso coa difusión das políticas europeas e co impulso de proxectos que fomenten a cohesión territorial, a innovación e o desenvolvemento sostible, en liña coas prioridades da UE no rural.

© Impact Campus

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data