Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » A Comisión autoriza a España a conceder axudas a empresas para impulsar a capacidade de fabricación de tecnoloxías limpas

A Comisión autoriza a España a conceder axudas a empresas para impulsar a capacidade de fabricación de tecnoloxías limpas

06/11/2025 |

— Esta medida, de caracter extraordinario, contribuirá á transición cara a unha economía de emisións netas cero

— O réxime foi aprobado en virtude do marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo

Bruxelas, 6 de novembro de 2025. A Comisión Europea aprobou hoxe unha medida pola que autoriza a España a conceder axudas públicas por valor de 700 millóns de euros para apoiar investimentos estratéxicos que engadan capacidade de fabricación de tecnoloxías limpas en España, de acordo cos obxectivos do Pacto Industrial Limpo. Este réxime, con caracter extraordinario, contribuirá á transición cara a unha economía de emisións netas cero. O réxime foi aprobado en virtude do marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo, adoptado pola Comisión o 25 de xuño de 2025.

As axudas españolas

O obxectivo do réxime é conceder axudas para investimentos que engadan capacidade de fabricación para a produción das tecnoloxías de emisións netas cero contempladas no anexo II do marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo, así como para a produción dos principais compoñentes específicos destas tecnoloxías. En virtude deste réxime, as axudas adoptarán a forma de subvencións directas. Poderán concederse axudas a empresas de todo o territorio español. As axudas poderán outorgarse ata o 31 de decembro de 2028.

A Comisión constatou que o réxime español se axusta ás condicións establecidas na sección 6.1 do marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo. En particular, a axuda incentivará a produción de tecnoloxías limpas, así como dos seus principais compoñentes específicos.

A Comisión concluíu que o réxime de axudas español é necesario, adecuado e proporcionado para acelerar a transición cara a unha economía de emisións netas cero e facilitar o desenvolvemento de determinadas actividades económicas, que son importantes para a execución do Pacto Industrial Limpo. Isto axústase ao artigo 107, apartado 3, letra c), do Tratado de Funcionamento da UE e ás condicións establecidas no marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo.

Sobre esta base, a Comisión aprobou este réxime de axudas de conformidade coas normas correspondentes da UE.

Antecedentes

A Comisión Europea adoptou o 25 de xuño de 2025 o marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo para fomentar as axudas en sectores esenciais para a transición cara a unha economía de emisións netas cero, de acordo co Plan Industrial do Pacto Verde.

O marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo permite os seguintes tipos de axuda, que os Estados membros poderán conceder ata o 31 de decembro de 2030 co fin de acelerar a transición ecolóxica:

  • Medidas para acelerar a utilización de enerxías renovables e combustibles hipocarbónicos (seccións 4.1 e 4.2). Os Estados membros poderán establecer réximes de axudas ao investimento en todas as fontes de enerxía renovable e no almacenamento de enerxía, con procedementos de licitación simplificados. Tamén se establecen normas específicas para acelerar o uso de combustibles hipocarbónicos.
  • Medidas para permitir un alivio temporal dos prezos da electricidade para os grandes consumidores de enerxía (sección 4.5). O obxectivo é garantir a transición cara a unha electricidade limpa e de baixo custo. Estas medidas contribuirán a evitar o traslado de actividades industriais a lugares con normativas ambientais inexistentes ou menos estritas, antes de que a descarbonización do sistema eléctrico da UE se traduza plenamente en prezos máis baixos da electricidade.
  • Medidas que faciliten a descarbonización dos procesos industriais (sección 5). Os Estados membros poderán apoiar investimentos na descarbonización das actividades industriais para reducir a dependencia dos combustibles fósiles importados. Isto poderá realizarse mediante electrificación, eficiencia enerxética e transición ao uso de hidróxeno renovable e baseado na electricidade que cumpra determinadas condicións, con posibilidades ampliadas para apoiar a descarbonización mediante combustibles derivados do hidróxeno.
  • Medidas para garantir unha capacidade suficiente de fabricación de tecnoloxías limpas (sección 6). Os Estados membros poderán conceder axudas ao investimento para proxectos de investimento relacionados coas tecnoloxías contempladas no Regulamento sobre a Industria de Emisións Netas Cero (produtos finais como baterías, paneis solares, turbinas eólicas, bombas de calor, electrolizadores e equipos de captura, uso e almacenamento de carbono, incluídos os seus principais compoñentes específicos). Isto tamén abrangue a produción e a reciclaxe das materias primas fundamentais relacionadas.
  • Medidas para reducir o risco dos investimentos privados necesarios para a utilización de enerxías limpas, a descarbonización industrial, a fabricación de tecnoloxías limpas, determinados proxectos de infraestruturas enerxéticas e proxectos de apoio á economía circular (sección 8).

Pode atoparse aquí máis información sobre o marco de axudas estatais do Pacto Industrial Limpo.

A versión non confidencial da decisión correspondente publicarase co número SA.119884 no Rexistro de Axudas Estatais do sitio web de competencia da Comisión, unha vez que se resolvan os posibles problemas de confidencialidade. A lista das novas publicacións de decisións sobre axudas estatais en internet e no Diario Oficial figura nas noticias semanais en liña sobre competencia.

Fonte: Comisión Europea

© European Union, 2025

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data