ESPAÑA MULTADA CON 22,7 MILLÓNS DE EUROS POR SUPERAR A COTA LÁCTEA

España deberá pagar 22,7 millóns de euros en concepto de taxa láctea por ter superado na campaña 2004/2005 a cota que lle foi atribuída. Como é ben sabido, para limitar o volume de ventas de leite de vaca na UE, instaurouse un sistema de cotas co obxectivo de axustar a oferta á demanda. Cada Estado membro  ten atribuídas dúas “cantidades de referencia” (cotas) relativas ás entregas ás empresas leiteiras e ás ventas directas ós consumidores. Estas cantidades son repartidas entre os productores (cotas individuais) de cada Estado membro en función do volume de producción rexistrado no pasado. En caso de superar a cota nacional nunha campaña dada (que vai do 1 de abril ó 31 de marzo do ano seguinte), os productores responsables do exceso de producción deben pagar, unha vez reatribuídas as cantidades non utilizadas, unha taxa de 0,3327 €/Kg de leite producida por riba da cota.


Segundo un cálculo provisional da Comisión Europea baseado nas declaracións anuais dos Estados membros, nove Estados membros (entre eles España) superaron as cotas que teñen asignadas e deberán por tanto pagar unha “supertaxa” dun total de 356 millóns de euros. Para a campaña 2004/2005, a cota de entregas ás empresas estaba fixada en 126 millóns de toneladas (641.000 cotas individuais) para a UE-25 e, segundo os datos provisionais, España tería producido 68.000 toneladas de leite máis dos permitidos (v. táboa anexa).