Actualidade
Portada » Actualidad »Remata a Semana Europea das Rexións e das Cidades con destacada presenza galega
— Galicia estivo representada en diversos seminarios da #EURegionsWeek, como vén facendo dende o inicio deste evento hai máis de dúas décadas
— O diálogo sobre empoderamento da mocidade para impulsar o rural organizado pola Fundación Galicia Europa colgou o cartel de “non hai entradas”
Bruxelas, 10 de outubro de 2024. Remata a vixésimo segunda edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek), celebrada entre o 7 e 10 de outubro. Durante estes catro días, Bruxelas acolleu máis de 300 citas no marco deste evento consolidado como o máis relevante sobre política de cohesión europea.
A través da Fundación Galicia Europa (FGE), a nosa comunidade leva participando na #EURegionsWeek dende as súas orixes, hai xa máis de dúas décadas. Este ano, Galicia estivo representada nun total de seis seminarios e diálogos, un deles organizado directamente pola propia FGE.
O protagonista desta cita foi o empoderamento da mocidade co obxectivo de impulsar o rural, con Daniel Diéguez como relator. A súa exposición centrouse nos elementos que deben ofrecer os núcleos rurais para atraer á xente nova. Entre eles, uns bos servizos públicos –fundamentalmente, sanitarios e educativos–, pero tamén outros máis intanxibles que os diferencian das cidades, como a ausencia de contaminación ou un ambiente e uns hábitos de vida que conducen a unha maior felicidade.
A sala encheuse co maior número de asistentes posible. De feito, non había prazas libres para rexistrarse dende había días. O diálogo, cunha duración prevista de 15 minutos, acadou, finalmente as case dúas horas, grazas ao interesante debate co relator e entre mozos de diferentes países europeos.
Máis participación galega
A participación galega na #EURegionsWeek completouse con outras cinco citas. A Xunta participou nun seminario sobre o potenciamento do talento rexional para fomentar un desenvolvemento sostible. O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, compartiu algunhas iniciativas e casos de éxito neste sentido. Unha fórmula que levou a Galicia a recibir o recoñecemento de Rexión Emprendedora Europea 2025.
A nosa comunidade forma parte, ademais, de diferentes redes europeas que tamén tiveron axenda. Entre elas, CoRAI, o grupo interrexional do automóbil do Comité Europeo das Rexións, e a Alianza de Rexións Automobilísticas, que celebrou un debate centrado na atracción de talento a este sector –especialmente, o da mocidade– e na reciclaxe e a mellora das cualificacións dos traballadores da automoción.
A política de cohesión e o talento como aliados para construír rexións con futuro foi o tema escollido pola Rede de Rexións europeas con Desafíos Demográficos (DCRN) para o seu debate. A Iniciativa Vanguard, na que tamén participa Galicia, organizou, pola súa banda, un seminario sobre exemplos de innovación nas rexións para garantir unha transición xusta cara unha economía baseada no hidróxeno. Mentres, a Rede de Rexións pola I+D+i (ERRIN) abordou a súa iniciativa Living-un.EU, para promover o desenvolvemento da tecnoloxía dixital e acadar así os obxectivos de sostibilidade e neutralidade climática.