Actualidade

Portada » Sin categorizar » Nova estratexia para reforzar as infraestruturas europeas de investigación e tecnoloxía

Nova estratexia para reforzar as infraestruturas europeas de investigación e tecnoloxía

15/09/2025 |

— O obxectivo deste nova estratexia é impulsar o liderado de Europa en materia de excelencia científica e innovación tecnolóxica

— A estratexia propón un conxunto de accións en cinco ámbitos: reforzar o ecosistema europeo de infraestruturas de investigación e tecnoloxía, mellorar o acceso ás infraestruturas, cultuvar o talento, simplificar o marco de gobernanza e reforzar a dimensión internacional. 

Bruxelas, 15 de setembro de 2025. A Comisión pon en marcha a estratexia europea sobre infraestruturas de investigación e tecnoloxía para impulsar o liderado de Europa en materia de excelencia científica e innovación tecnolóxica. Para seguir sendo pioneira na carreira mundial pola ciencia e a innovación, Europa debe reforzar con decisión as súas infraestruturas de investigación e tecnoloxía e facelas aínda máis integradas e accesibles a unha gama máis ampla de usuarios.

A estratexia garante que os científicos, os investigadores, os innovadores e a industria teñan un acceso doado ás instalacións de vangarda, a datos de alta calidade e a servizos personalizados de Europa. Tamén ten por obxectivo animar a investigadores e innovadores de categoría mundial a «elixir Europa».

Desde os mellores laboratorios e liñas de produción piloto ata equipos de vangarda como aceleradores de partículas e salas limpas, as infraestruturas de investigación de clase mundial de Europa son a columna vertebral do ecosistema europeo de investigación e innovación. Apoian todo o ciclo da innovación, desde a investigación nas fronteiras do coñecemento ata a innovación preparada para o mercado, reforzando así a competitividade industrial e a soberanía tecnolóxica de Europa.

A estratexia propón un conxunto de accións en cinco ámbitos:

  1. Reforzar o ecosistema europeo de infraestruturas de investigación e tecnoloxía aumentando as capacidades, mobilizando os investimentos e adaptando mellor as instalacións e os servizos dispoñibles ás necesidades dos usuarios. A estratexia tamén pretende maximizar o potencial da dixitalización e da intelixencia artificial (IA) nas infraestruturas europeas.

  2. Garantir un acceso máis sinxelo e mellor ás infraestruturas de investigación e tecnoloxía, co obxectivo de proporcionar unha serie continua de servizos complementarios para investigadores e empresas innovadoras, incluídas as empresas emerxentes e en expansión, en toda a UE. Isto apoiará os avances científicos e impulsará o desenvolvemento, a proba e a validación da tecnoloxía, acelerando a adopción social e a preparación das innovacións para o mercado.

  3. Atraer e cultivar o talento en Europa a través de traxectorias profesionais sólidas en infraestruturas de investigación e tecnoloxía, desde técnicos ata líderes científicos. Isto inclúe apoiar o persoal para que desenvolva novas capacidades e competencias, así como atraer talento de fóra de Europa en consonancia co enfoque «Elixe Europa».

  4. Mellorar e simplificar o marco de gobernanza das infraestruturas de investigación e tecnoloxía para apoiar as decisións de investimento a longo prazo e harmonizar as prioridades entre os Estados membros da UE e as partes interesadas. Isto inclúe reforzar a coordinación entre as fontes de financiamento e aumentar o impacto do investimento público.

  5. Reforzar a dimensión internacional e a resiliencia das infraestruturas de investigación e tecnoloxía mediante a cooperación con socios estratéxicos para facer fronte aos retos sociais mundiais. A Comisión traballará cos Estados membros para promover a integración dos países candidatos e asociados no Espazo Europeo de Investigación. A estratexia tamén aborda a xestión de riscos para as infraestruturas, en particular os relacionados co acceso a datos e instalacións críticas, fomentando a soberanía da UE en tecnoloxías críticas.

Antecedentes

A importancia das infraestruturas de investigación e tecnoloxía púxose de relevo tanto no informe Draghi sobre «O futuro da competitividade da UE» como no informe «Aliñar, actuar e acelerar» do grupo de expertos da Comisión sobre a avaliación intermedia de Horizonte Europa. Estas infraestruturas serán clave para a «quinta liberdade», a libre circulación da investigación, a innovación e o coñecemento, que sustenta todo o ecosistema de investigación e innovación (I+D+i). Para conseguilo, requírese un maior investimento para construír, mellorar e explotar estas infraestruturas a fin de reforzar a competitividade e o liderado da UE na ciencia das fronteiras.

A estratexia vincúlase e apoia as iniciativas da UE para reforzar a investigación, a innovación e a competitividade, como a Estratexia da UE para as empresas emerxentes e en expansión, e a próxima Estratexia para a IA na Ciencia, a Lei Europea de Innovación e a Lei do Espazo Europeo de Investigación.

Un amplo proceso de consulta contribuíu á preparación da estratexia, incluída unha convocatoria pública de achegas e varias conferencias e actos específicos.

Máis información: Comisión Europea

© European Union, 2025

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Fecha