Actualidade

Portada » Sin categorizar » Bruxelas quere reducir a pegada ecolóxica das prácticas deportivas

Bruxelas quere reducir a pegada ecolóxica das prácticas deportivas

12/09/2025 |

— Este manifesto segue a liña do Pacto Verde Europeo e é froito do traballo do grupo de expertos Gren sport

— A Comisión invita a todas as organizacións vinculadas ao deporte en Europa a adherirse a cinco compromisos sinxelos e visibilizar o seu compromiso coa sustentabilidade ambiental.

Bruxelas, 17 de setembro de 2025. A Dirección Xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura (DG EAC) da Comisión vén de publicar un manifesto a prol da sustentabilidade ambiental no deporte. O texto nace con motivo da segunda conferencia SHARE 2.0 celebrada o xoves 11 de setembro. Estau iniciativa da Comisión Europea está destinada a reforzar o papel do deporte na promoción da sustentabilidade ambiental e o impacto social positivo.

O documento é froito do traballo do grupo de expertos «Green Sport» e da publicación Sport’s contribution to the European Green Deal. A sport sector playbook. Está centrado nas consecuencias do deporte no clima, a biodiversidade e o medio ambiente, propón ás organizacións deportivas e aos responsables políticos que se comprometan, de maneira voluntaria, con cinco medidas.

Para os axentes do sector deportivo, como clubs, federacións e empresas, trátase, en particular, de crear unha organización interna encargada da sustentabilidade, elaborar unha estratexia vinculada cos obxectivos do «Pacto Verde Europeo», medir e publicar cada ano os progresos realizados, apoiar a cooperación e desenvolver ferramentas compartidas.

Ademais, ínstase ás autoridades públicas e ás entidades financiadoras a crear organismos de seguimento, a garantir que a sustentabilidade ambiental sexa un criterio relevante de financiamento e tamén a dar maior importancia ás disciplinas locais, aos pequenos eventos e ás actividades de base.

Obxectivos principais

  • Implicar ao sector deportivo europeo en todos os niveis para demostrar solidariedade e comprometerse con pasos concretos e verificables que fagan Europa máis sostible ambientalmente a través da práctica deportiva.
  • Consolidar un movemento polo deporte verde atraendo asinantes que, ao adherirse a uns pasos sinxelos pero esenciais, manifesten e comuniquen publicamente o seu compromiso coa sustentabilidade.
  • Proporcionar información básica e orientar as organizacións deportivas cara a recursos adicionais e estudos de caso que lles axuden a dar o primeiro paso, ou avanzar, na súa traxectoria de sustentabilidade.

Cinco compromisos

As organizacións ou empresas do sector deportivo están convidadas a:

  • poñer en marcha unha estrutura de gobernanza para a sustentabilidade;
  • elaborar unha estratexia de sustentabilidade que cubra os temas do Pacto Verde Europeo;
  • medir e informar anualmente sobre os progresos en sustentabilidade, tanto en operacións como en eventos;
  • apoiar a cooperación e o intercambio de coñecemento en materia de deporte verde;
  • desenvolver, utilizar e compartir ferramentas de deporte verde.

Un goberno ou unha organización pública de elaboración de políticas ou financiadora debería:

  • crear un consello ou grupo consultivo sobre deporte sostible;
  • apoiar a cooperación e o intercambio de coñecemento en materia de deporte verde;
  • desenvolver, utilizar e compartir ferramentas de deporte verde;
  • traballar para que a sustentabilidade ambiental sexa un criterio importante de financiamento;
  • priorizar o apoio á sustentabilidade en deportes minoritarios, eventos locais e actividades de base.

Máis información: Comisión Europea

© Pexels

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Fecha