Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Formación »
Erasmus Novos Emprendedores, unha oportunidade de emprendemento
— A Fundación Galicia Europa organiza unha sesión informativa dirixida á mocidade sobre o programa Erasmus para Mozos Emprendedores.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022. O xoves 24 de novembro celebrouse unha sesión informativa en liña organizada pola Fundación Galicia Europa para presentar o programa Erasmus para Mozos Emprendedores. A sesión contou coa participación de representantes da Fundación Galicia Europa e de Belén Mendoza, coordinadora do programa desde o ano 2015, en representación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que expuxo aos asistentes toda a información relacionada co programa e puxo á súa disposición os servizos que ofrece a Cámara para axudar coa súa participación no mesmo.
O programa, financiado pola Comisión Europea a través da súa Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas, pretende fomentar o emprendemento na Unión Europea mediante intercambios concibidos non só para a poboación nova, senón tamén para persoas de todas as idades que non teñan experiencia significativa no ámbito do emprendemento. Ofrece tamén a posibilidade a pequenas e medianas empresas de Galicia para acoller novos emprendedores de Europa e poder coñecer así un posible mercado para explorar novas oportunidades de negocio.
A xestión en Galicia do programa Erasmus para Mozos Emprendedores lideraraa ata 2027 o Departamento de Proxectos Europeos da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela
As estadías no estranxeiro de entre 1 e 6 meses que financia o programa non se centran unicamente na dimensión laboral, senón que pretenden ser intercambios de coñecementos, habilidades e experiencias entre cidadáns interesados en crear a súa propia empresa e empresas xa establecidas que poidan beneficiarse de perspectivas e ideas novas. Participan no programa emprendedores e empresas de 37 países europeos, ademais dunha serie de destinos GLOBAL en países de América e Asia.
Aínda que a participación no programa pódena organizar os propios aspirantes a través da páxina web do proxecto, a súa xestión en Galicia lideraraa ata 2027 o Departamento de Proxectos Europeos da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
Máis información: Erasmus para Mozos Emprendedores
