Actualidade
Portada » Actualidade »Entra en vigor o Regulamento relativo á Restauración da Natureza para abordar a perda de biodiversidade na Unión Europea
— Este regulamento entrou en vigor o pasado 18 de agosto. O seu obxectivo é frear a perda de biodiversidade e acadar as ambicións climáticas propostas para 2030.
Bruxelas, 30 de setembro de 2024. Tras un longo proceso de negociacións, o Regulamento relativo á restauración da natureza era aprobado en xuño de 2024 e entraba en vigor o pasado 18 de agosto, 20 días despois da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Este regulamento correspóndese co primeiro acto xurídico europeo que regula medidas de restauración e non só de conservación da natureza.
A norma está pensada para poñer en marcha un proceso continuo de recuperación da natureza en medios terrestres e mariños da Unión, ao mesmo tempo que se apoia un desenvolvemento económico e unha produción agrícola sostible nos diferentes territorios. O fin último é alcanzar o obxectivo de restaurar “polo menos o 20% das zonas terrestres e polo menos o 20% das zonas marítimas de aquí a 2030 e todos os ecosistemas que necesiten restauración de aquí a 2050”, dando así cumprimento aos compromisos contidos na Estratexia sobre Biodiversidade para 2030 e ás obrigacións contraídas baixo o Marco da Biodiversidade Global de Kunming-Montreal.
O Regulamento sobre a Restauración da Natureza inclúe medidas encamiñadas a restaurar e asegurar a boa condición de hábitats terrestres e mariños críticos para a conservación de especies de gran relevancia. Cabe destacar que, ata 2030, deberanse priorizar os hábitats que non se atopen en boa condición dos espazos Natura 2000, “dado o papel esencial dos devanditos espazos na conservación da natureza”.
Tamén existen obxectivos, de aquí a 2030, de restaurar polo menos 25 000 km de ríos para que volvan ser ríos de fluxo libre, así como de contribuír ao compromiso de plantar polo menos 3 000 millóns de árbores adicionais na UE.
Así mesmo, co ánimo de poder levar a cabo as accións que dean cumprimento aos seus plans de restauración, os Estados membros poden mobilizar fondos a través dos diferentes programas de financiamento europeo, como poden ser Horizonte Europa, LIFE, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ou o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Obrigas específicas
O Regulamento relativo á restauración da natureza inclúe obxectivos máis específicos, como frear a perda de espazos verdes en áreas urbanas, frear a diminución de especies de polinizadores, ou restaurar a conectividade dos ríos, entre outros.
Comprendendo que a situación non é igual en todos os territorios, diferentes obxectivos fixaranse para diferentes ecosistemas e serán os Estados membros os que decidan sobre as medidas específicas a levar a cabo para darlles cumprimento. Así, cada país deberá adoptar un plan nacional de restauración no que se especifiquen os obxectivos a alcanzar en relación aos diferentes ecosistemas e as medidas necesarias para alcanzalos tendo en conta os diferentes contextos rexionais. Estes plans deberán tamén indicar o espazo temporal específico no que se pretenden levar a cabo as accións, os recursos económicos necesarios para levalas a cabo, as fontes a través das cales se pretenden acadar estes recursos económicos e os beneficios agardados das accións no contexto da mitigación e adaptación ao cambio climático.
Antes da súa presentación ante a Comisión Europea para ser aprobado (o que se debe facer nun prazo máximo de dous anos dende a entrada en vigor do regulamento), o plan debe de ser deseñado consultando ás partes interesadas e debe incluír unha visión con perspectiva á súa prolongación cara 2040 e 2050.
Finalmente, os estados poden mobilizar diferentes instrumentos de financiamento comunitario, como os programas Horizonte Europa, LIFE, ou o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, para levar a cabo as accións que dean cumprimento aos seus plans.
Diferentes obxectivos fixaranse para diferentes ecosistemas e serán os Estados membros os que lle darán cumprimento a través da posta en marcha dos seus Plans nacionais de restauración.
Plans Nacionais de Restauración
Cada Estado membro deberá adoptar un plan nacional de restauración no que se especifiquen os obxectivos a alcanzar en relación aos diferentes ecosistemas e as medidas necesarias para alcanzalos tendo en conta os diferentes contextos rexionais. Estes plans deberán tamén indicar o espazo temporal específico no que se pretenden levar a cabo as accións, os recursos económicos necesarios para levalas a cabo, as fontes a través das cales se pretenden acadar estes recursos económicos e os beneficios agardados das accións no contexto da mitigación e adaptación ao cambio climático.
En todo caso, os Estados membros están obrigados a implementar medidas de restauración nos seus territorios en, polo menos:
- O 30% da superficie total de aquí a 2030.
- O 60% da superficie total de aquí a 2040.
- O 90% da superficie total de aquí a 2050.
As porcentaxes aplícanse de maneira individual a ecosistemas mariños, por unha banda, e a ecosistemas terrestres, costeiros e de auga doce, pola outra.
Os primeiros plans presentaranse, como moi tarde, dous anos despois da entrada en vigor do Regulamento, e conterán medidas ata xuño de 2032 cunha visión estratéxica ata 2050. Posteriormente, polo menos unha vez cada dez anos, os Estados membros revisarán o seu plan nacional e, de ser necesario, reformularano e incluirán medidas complementarias. En consecuencia, os plans restantes presentaranse como moi tarde en xuño de 2032 (con medidas ata 2042 e unha visión estratéxica ata 2050) e 2042 (con medidas ata 2050).
Para dar cumprimento a este regulamento inclúense obxectivos comúns cuantificables a nivel europeo para hábitats incluídos no Anexo I da Directiva de Hábitats, a Directiva de Paxaros e a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña. Ademais, inclúense obxectivos máis específicos como frear a perda de espazos verdes en áreas urbanas, frear a diminución de especies de polinizadores, ou restaurar a conectividade dos ríos, entre outros. Entre as metas máis destacables atópase a de plantar 3.000 millóns de árbores na Unión de aquí a 2030.
Contexto
A pesares de que a UE leva varias décadas protexendo a natureza sobre a base da Directiva Hábitats e da Directiva Aves, o Informe sobre o estado da natureza publicado pola Comisión Europea en 2020 sinala que aínda non se logrou “frear o declive das especies e tipos de hábitats protexidos que son motivo de preocupación para a UE por motivos de conservación”.
A Estratexia sobre Biodiversidade para 2030, no seu intento de frear esta situación, propón un Plan de Recuperación da Natureza da UE con unha serie de compromisos, entre os que destaca a presentación dunha “proposta sobre unha serie de obxectivos da UE en materia de restauración da natureza, xuridicamente vinculantes, coa finalidade de recuperar ecosistemas degradados”. Tal posibilidade foi referendada polo Consello nas súas conclusión de outubro de 2020.
Como resultado do impulso proporcionado pola Estratexia sobre Biodiversidade, a Comisión Europea propuxo, en xuño de 2022, un Regulamento sobre a restauración da natureza. Un ano despois, Consello e Parlamento aprobaban a súa orientación xeral e a súa posición en xuño e xullo, respectivamente, para alcanzar un acordo político provisional baixo a presidencia española do Consello, en novembro de 2023. Tras un intento errado en marzo de 2024, o Regulamento foi finalmente ratificado no Consello de Medio Ambiente levado a cabo o 17 de xuño de 2024.
Máis información:
- Análise FGE sobre o Regulamento relativo á restauración da natureza
- Regulamento 2024/1991 relativo á restauración da natureza
Créditos | Autor/a