Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » Xunta e Comisión Europea analizan os retos da lei europea de restauración da natureza

Xunta e Comisión Europea analizan os retos da lei europea de restauración da natureza

04/06/2024 | , , , , ,

— Esta edición especial do ciclo ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ foi inaugurada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

— O encontro, ao que asistirón máis de 60 participantes, contou coa presenza dos membros da Alianza Galega polo Clima.

Bruxelas, 4 de xuño de 2024. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez Mejuto, inaugurou esta edición especial dos ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas organizado mensualmente pola Fundación Galicia Europa (FGE). A sesión abordou a posta en marcha do Regulamento sobre a restauración da natureza, unha das iniciativas do Pacto Verde Europeo que se atopa pendente de ratificación polo Consello da UE.

Dado que o 80% dos hábitats europeos se atopan en mal estado, esta nova lei europea busca a rehabilitación dos ecosistemas degradados de todos os Estados membros, que se comprometen a aplicar medidas de restauración en polo menos o 20% das zonas terrestres e mariñas para 2030 e en todos os ecosistemas que o precisen para 2050. Ante estes obxectivos, a conselleira incidiu na necesidade de garantir a “convivencia entre a protección da riqueza ambiental de Galicia e o futuro das principais actividades económicas que se levan a cabo no territorio”, reiterando a aposta do Goberno galego por garantir o equilibrio entre a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento dos sectores produtivos.

A visión institucional relativa ao regulamento sobre a restauración da natureza foi presentada por Humberto Delgado Rosa, director de Biodiversidade na Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. Así mesmo, a perspectiva galega foi exposta por Paula Uría Traba, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, quen achegou o compromiso de Galicia coa protección da biodiversidade e explicou como se traslada na nosa rexión o requirido a nivel comunitario.

A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos Barbosa, remarcou pola súa parte o papel dos entes rexionais na aplicación do Pacto Verde Europeo mediante iniciativas como o Pacto Europeo polo Clima, ao que a FGE se adheriu comprometéndose a fomentar entre a sociedade galega o debate sobre a transición ecolóxica, no marco no marco das súas actividades de información, formación e sensibilización sobre cuestións europeas de relevancia.

Dada a vontade de involucrar a todas as partes interesadas, ademais dos representantes do Goberno galego, entre os máis de 60 participantes do encontro virtual estiveron tamén presentes varios membros da Alianza Galega polo Clima. Nesta iniciativa converxen todo tipo de entidades galegas comprometidas coa mellora do medio ambiente e a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas

O ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’ reúne á administración galega con representantes das institucións europeas para abordar conxuntamente as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria de relevancia para Galicia, como a Estratexia Industrial Europea ou o marco normativo de axudas estatais.

Establecido como unha prioridade fundamental ao comezo do actual mandato da Comisión Europea, o Pacto Verde Europeo  foi o eixo condutor de varias reunións do ciclo, nas que se analizaron iniciativas tales como a estratexia de economía circular, o Fondo de Transición xusta ou os elementos verdes da PAC.

 

Máis información

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data