Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » Xunta e Parlamento Europeo analizan o cambio de ciclo institucional tras as eleccións europeas

Xunta e Parlamento Europeo analizan o cambio de ciclo institucional tras as eleccións europeas

22/07/2024 | , ,

— A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa inaugurou unha nova reunión do ciclo ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, na que se abordaron os resultados das eleccións europeas e o camiño cara o novo mandato da UE.

— Esta iniciativa da FGE acolleu, dende a súa posta en marcha en setembro de 2020, a máis de 500 funcionarios galegos nunha corentena de sesións.

Bruxelas, 19 de xullo de 2024. A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou a última reunión celebrada antes das vacacións de verán do ciclo ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas que xa suma máis de 500 asistentes. A sesión serviu para analizar o actual cambio de ciclo institucional da UE, iniciado tras as eleccións europeas levadas a cabo o pasado mes de xuño, tanto dende a perspectiva comunitaria como da galega.

Para iso, contouse coa participación de Jesús Carmona, director de Medios na Dirección Xeral de Comunicación do Parlamento Europeo. O relator explicou o esquema e prazos que seguirán as institucións europeas para a elección dos restantes altos cargos comunitarios, despois de que Ursula von der Leyen fora reelixida na Eurocámara como presidenta da Comisión Europea.

Neste novo ciclo institucional, a Fundación Galicia Europa continuará a súa labor de defender os intereses galegos ante as institucións europeas, en tanto que representante da Xunta en Bruxelas. Co ánimo de ilustrar este feito, Ana Ramos presentou aquelas áreas da axenda europea que serán prioritarias para Galicia. Tal e como incidiu na súa intervención, será particularmente relevante a contribución galega ao debate sobre o futuro da política de cohesión e dos fondos estruturais no marco financeiro plurianual posterior ao 2027.

Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas

O ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’ reúne á administración galega con representantes das institucións europeas para abordar conxuntamente as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria de relevancia para Galicia, como a Estratexia Industrial Europea ou o marco normativo de axudas estatais.

Máis información: Análise FGE

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data