Actualidade

Home » Newsroom » Galicia apoia o paquete de axuda a Ucraína debatida na comisión Civex do Comité Europeo das Rexións

Galicia apoia o paquete de axuda a Ucraína debatida na comisión Civex do Comité Europeo das Rexións

05/07/2023 |

— O novo plan de axudas aprobado pola comisión Civex enfócase na axuda á infancia ucraína no verán 

— A comisión Civex do Comité das Rexións aproba un ditame sobre a prospectiva estratéxica como instrumento para a gobernanza da Unión Europea

Bruxelas, 20 de xuño de 2023. A comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex) do Comité Europeo das Rexións (CdR) reuniuse en Bruxelas nun encontro marcado polo novo paquete de apoio a Ucraína, a mellora da lexislación europea e a elección de Patrick Molinoz como novo presidente da comisión. A Xunta de Galicia estivo representada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. O director xeral, ademais, actuou como coordinador do grupo PPE (Partido Popular Europeo) na comisión.

O CdR leva, dende o comezo da invasión de Ucraína por parte de Rusia, apoiando ás rexións e cidades ucraínas na súa reconstrución. O exemplo máis destacado desta axuda é o lanzamento da Alianza Europea de Cidades e Rexións para a Reconstrución de Ucraína. Nesta quenda, aprobouse un plan para a infancia mediante campamentos de verán para os nenos e nenas ucraínos.

A comisión tamén debateu e aprobou un ditame sobre a prospectiva estratéxica como instrumento para a gobernanza da UE e a mellora da lexislación. As últimas dúas crises atravesadas pola Unión, a do covid primeiro e a económica a enerxética provocada pola invasión rusa pouco despois, serven de motivación para que as institucións europeas estean mellor preparadas ante futuros inconvenientes e aumenten a súa capacidade de resiliencia. No eido local e rexional, a prospectiva estratéxica pode reducir a presión destas institucións, as primeiras en actuar nas crises pola súa proximidade á poboación.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, mostrou a súa satisfacción polo traballo realizado na comisión, valorando positivamente a nova axuda a Ucraína e o apoio á prospectiva estratéxica. Gamallo tamén lembrou o impacto das cuestións demográficas nos problemas actuais e futuros da Unión. “O saldo vexetativo negativo de moitas rexións europeas é a base de moitos problemas, polo que debe ser algo que a Unión considere na súa estratexia”, manifestou o director xeral.

A terceira edición do Premio Adamowicz tamén foi oficialmente convocada durante a xuntanza. Este galardón conmemora o legado en liberdade, solidariedade e igualdade do antigo alcalde de Gdansk (Polonia), asasinado no ano 2019.

A Comisión CIVEX do Comité das Rexións

No actual mandato 2020 – 2025, Galicia na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex) do Comité Europeo das Rexións. Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a un dos obxectivos políticos prioritarios da UE: reforzar a democracia europea.

Máis información: Xunta de Galicia

Searcher

  • Category

  • Subcategory

  • Tag

  • Date