DITAMES SOBRE FONDOS EN PLENO PE
O traballo de concertación en comisión para os ditames Hatzidakis e Fava –os que se presentaran máis de 300 emendas na Comisión REGI que, na súa maior parte, foron solventadas por emendas de compromiso negociadas nunha xuntanza en Estrasburgo polos ”relatores na sombra” e os representantes dos grupos políticos- permitiu que o Pleno aprobase o pasado día 6 os ditames co apoio dos catro grupos maioritarios da cámara e sen maiores modificacións respecto aos textos presentados.
Os textos finalmente aprobados, responden no seu conxunto aos intereses de Galicia, apostando decididamente pola existencia dunha política de cohesión ao nível comunitario. Ademais respondeuse a algunhas das inquedanzas da economía galega como:
a. A perda dos fondos de maneira repentina a través de mecanismos de saída progresiva: Así o PE solicita destinar ás rexións afectadas polo efecto estatístico -caso no que se podería atopar Galicia se se ten en conta a media 2001-2003- un 85% dos recursos destinados ás rexións do Obxectivo Converxencia plena en 2007, que se reduciría progresivamente até o 60% en 2013 (novo parágrafo tras emenda 35)
b. O perigo da deslocalización empresarial, apoiando unha proposta da Comisión que obrigue a devolver os fondos recibidos, ou mantendo o actual esquema de topes de axuda pública para empresas situadas nas rexións actuais Obxectivo 1 (parágrafo 37)
c. Rexeitamento da redución dos actuais limites máximos das axudas de estado en rexións do Obxectivo Converxencia (parágrafo 47).
d. Mantemento da regra N+2, para a liberación de fondos [se ben froito do novo sistema de cómputo do momento de inicio pasa a ser case un N+3] coa que no período actual Galicia demostrou ser capaz de xestionar os seus fondos comunitarios.
e. Ábrese a posibilidade a que os gastos de renovación das vivendas sociais co fin de que un mellor aproveitamento enerxético sexa un gasto subvencionabel [Galicia tentara introducir esta emenda no ditame do Comité de Rexións, o que non foi posíbel finalmente]
f. Mantense unha adecuada marxe de flexibilidade e un abanico de gastos subvencionabeis razoabelmente amplo para as rexións do Obxectivo Converxencia.
A maiores, e en aras dunha maior lóxica económica, o PE mantívose firme en cuestións claves da proposta da Comisión Europea: O limite máximo de cofinanciación determinarase en función do gasto público e non do público e privado como até agora, apóstase pola colaboración público-privada (“PPP” nas súas siglas en inglés) e retirarase o financiamento comunitario a aqueles proxectos que violen as disposicións medioambientais da UE. Sen embargo mantéñense as diferencias acerca de a subvencionalidade do IVA, debendo notarse que o Consello nas xuntanzas dos seus grupos de traballo semella estar a abrir a vía á subvencionalidade do IVA non reembolsábel.
No que respecta ao regulamento do Fondo de Cohesión a delegación española tentou de novo introducir un parágrafo que dese unha solución ao efecto estatístico nesta liña de fondos, solución que xa fora rexeitada en Comisión parlamentaria, pero aceptada nas propostas da Presidencia do Consello. Tal e como pasou naquela ocasión só se fai mención á procura “dunha solución política”, o que o fai entrar en contradicción co ditame Hatzidakis –que si ten certo peso legal, a diferenza deste que só é de opinión- e que si que contempla a vía de mecanismos de compensación.