Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Os mozos de 18 anos poden viaxar gratis por Europa coa nova edición de DiscoverEU

Os mozos de 18 anos poden viaxar gratis por Europa coa nova edición de DiscoverEU

24/04/2024 |

— Aberta ata o día 30 de abril, a presente convocatoria está dirixida a mozos e mozas que cumpran os 18 anos.

Bruxelas, 24 de abril de 2024. Coa súa nova edición, DiscoverEU volve a brindarlle a oportunidade á mocidade europea de coñecer Europa do mellor xeito posible, viaxando. Aberta ata as 12h do vindeiro día 30 de abril, nesta convocatoria poden participar os cidadáns da Unión Europea que teñan 18 anos, é dicir, nados entre o 1 de xullo de 2005 e o 30 de xuño de 2006.

Enmarcada no programa Erasmus+, esta iniciativa concederá bonos de viaxe gratuítos a máis de 35 000 mozos e mozas. Ademais, os seleccionados tamén recibirán unha carné para obter descontos en aloxamento, comida, visitas culturais ou transporte local, entre outras vantaxes.

Que tipo de viaxes inclúe DiscoverEU

As viaxes poden ter unha duración de ata 30 días e deberán ter lugar entre o 1 de xullo de 2024 e o 30 de setembro de 2025. A iniciativa permítelle aos participantes escoller entre dúas opcións:

  • Opción fixa: o número de destinos queda limitado a dous países ou dúas cidades dun mesmo países.
  • Opción flexible: o número de países é ilimitado, mais o número de días de viaxe está limitado a sete durante un período dun mes e o medio de transporte deberá ser o tren.

Como presentar a solicitude

As solicitudes para participar en DiscoverEU preséntanse na páxina do Portal Europeo da Xuventude, a través dun formulario de rexistro no que os interesados deberán cumprimentar os seus datos e responder a un cuestionario. Poden facerse tanto de xeito individual como para viaxar nun grupo de ata catro amigos no que todos os integrantes deben cumprir cos requisitos da convocatoria.

Para o primeiro caso, as axencias nacionais de Erasmus+ axudarán aos seleccionados a poñerse en contacto con outros participantes de DiscoverEU. Ademais, tamén poderán viaxar acompañados dun familiar ou amigo maior de 18 anos, que deberá abonar os seus propios gastos de viaxe. No caso dos grupos, estes deberán designar a un xefe que se inscriba primeiro para poder facilitarlle ao resto dos integrantes o código da candidatura.

Máis información: DiscoverEU

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas