DESENVOLVEMENTOS LEXISLATIVOS E PERSPECTIVAS DA POLITICA EUROPEA DE TRANSPORTES
Tralo parón estival, o Parlamento Europeo retoma a súa actividade co exame dos expedientes que a Presidencia británica pretende facer avanzar no que resta de ano. O martes 13 de setembro os eurodiputados tiveron a oportunidade de intercambiar impresións e transmitirlle as súas inquietudes ó comisario de Transportes, Jacques Barrot.
O primeiro tema abordado por Barrot foi o da seguridade aérea. A Comisión de Transportes do Parlamento Europeo (PE) reclamou recentemente a publicación dunha lista negra de compañías aéreas que non respectan as condicións internacionais de seguridade. O presidente da devandita comisión, o eurodiputado italiano Paolo Costa (ADLE), solicitou unha política de “tolerancia cero” e declarou que os cidadáns teñen dereito a coñecer o nome das compañías inseguras e que estas compañías deberían ser prohibidas en toda Europa. Costa cree adecuada a decisión dos gobernos francés e belga de publicar a súa propia lista, aínda que estima que unha lista europea sería máis eficaz e coherente. O europarlamentario italiano considera ademais que a Axencia Europea de Seguridade Aérea debería xogar un papel máis importante para reforzar a seguridade da aviación civil.
Precisamente, o PE debaterá nos próximos meses unha proposición de regulamento relativo á información que deben recibir os pasaxeiros sobre a identidade da compañía operadora. Trala catástrofe aérea de Charm el-Sheik en 2004, a Comisión presentou en febreiro de 2005 unha proposta destinada a proporcionar ós pasaxeiros aéreos unha mellor información sobre os transportistas que teñen prohibido operar en un ou varios Estados membros por razóns de seguridade e sobre a identidade dos transportistas que efectivamente operan os voos contratados polos pasaxeiros. De acordo co regulamento, tal e como foi modificado polo Consello, publicarase unha “lista negra” de transportistas e obrigarase a que as compañías aéreas se aseguren de que o pasaxeiro foi correctamente informado da identidade dos transportistas aéreos efectivos no momento de realizar a reserva. Neste sentido, o comisario Barrot felicitouse da existencia de tres elementos de consenso:
– a prohibición de voar debe aplicarse a todo o territorio da comunidade
– os criterios para prohibir unha compañía deben ser comúns en toda Europa
– a lista negra comunitaria debe ser pública
Jacques Barrot comentou tamén as últimas decisións relativas as Redes Transeuropeas de Transporte (RTE-T). A Comisión Europea decidiu destinar 356 millóns de euros para a realización de estudios e a construcción de proxectos das RTE-T. Cerca do 85% dos fondos destínanse a proxectos considerados prioritarios e máis do 70% do total vai destinado a proxectos ferroviarios, entre os que se inclúe o a enlace de alta velocidade Coimbra-Vigo. Os 356 millóns de euros concedéronse a proxectos que figuraban xa no Programa Plurianual Indicativo 2001-2006, que abarca principalmente os 30 proxectos prioritarios decididos polo PE o os Consello en abril de 2004. Máis da metade dos fondos son axudas para as obras e o resto destínase a estudios técnicos, económicos, financeiros e medio ambientais, así como para outras actividades necesarias para a obtención do permiso de construcción. O financiamento dos proxectos de liñas de alta velocidade subordinouse ó estricto cumprimento das esixencias en materia de interoperabilidade. Só os proxecto prioritarios da rede transeuropea representan inversións por valor de máis de 225.000 millóns de euros de aquí a 2020. Dada a súa importancia para mellorar a competitividade e a cohesión na UE, a Comisión propuxo, co gallo das perspectivas financeiras para o período 2007-2013, que se aumente considerablemente o presuposto das redes transeuropeas.
Jacques Barrot destacou a creación de unha axencia executiva que se encargará de xestionar o orzamento destinado a redes transeuropeas (RTE). Precisamente no relativo ó financiamento das RTE el Comisario considera importante coñecer canto antes o tratamento que recibirán as RTE nas próximas perspectivas financeiras, para así poder saber exactamente cales son os cartos dispoñibles para os 30 proxectos prioritarios. Esto permitiría que os Estados membros coñecesen de canto diñeiro dispoñen e así poder comezar canto antes a execución dos proxectos, a maior parte dos cales acumulan un considerable atraso. A este respecto, Barrot confirmou o nomeamento do primeiro grupo coordinadores europeos encargados da posta en marcha dalgúns dos grandes proxectos de RTE.
Por último, o comisario de Transportes fixo referencia a proposta lexislativa sobre os contratos de servicio publico. O propósito é abrir o mercado dos servicios públicos de transporte de viaxeiros á competencia e lograr unha maior transparencia nas relación contractuais entre o sector público e o operador privado. Segundo Barrot, a nova proposta de regulamento limita as excepcións en relación coa de 2002, de maneira que abrirá á competencia dous tercios do sector do transporte público en Europa.
Nos próximos meses os europarlamentarios debaterán outras propostas lexislativas, entre as que cabe sinalar pola súa importancia a revisión da Directiva “Eurovignette” relativa á tarificación de vehículos pesados pola utilización de infraestructuras. En abril deste ano e tras dous anos de discusións, finalmente o Consello alcanzou un acordo político sobre a revisión da directiva. Esta proposta lexislativa pretende promover sistemas de tarificación nos que os custes ligados á utilización de infraestructuras se reflictan nos prezos pagados polos usuarios. O texto da directiva inclúe disposicións destinadas a loitar contra a conxestión viaria e a contaminación, de forma que se permite introducir variacións nas peaxes coa fin de favorecer ós camións menos contaminantes e establecer peaxes reducidas a certas horas do día para evitar que as estradas soporten un volume de tráfico excesivo. Así mesmo, se permite introducir recargas dun 15% nas peaxes de certas zonas montañosas a condición de que os ingresos suplementarios se destinen ó financiamento de novas infraestructuras. Aínda que o acordo político no Consello supuxo un paso importante, as discusións sobre a modificación de la Directiva “Eurovignette” non están nin moito menos cerradas, pois unha vez que o Consello transmitiu formalmente a súa posición común ó Parlamento Europeo, a proposta debe aínda ser aprobada por este.