Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »Expertos europeos debaten sobre a dor crónica e o papel da cooperación transfronteiriza en materia de saúde
— Ana Ramos centrou a súa participación na importancia da cooperación rexional á hora de resolver problemas comúns na área da saúde.
— O encontro tivo lugar na Universidade de Santiago e foi organizado pola Fundación Finnova no marco do proxecto europeo Painless.
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025. O pasado venres 6 de xuño, Ana Ramos Barbosa, directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas participou en Santiago de Compostela nun interesante debate sobre a dor crónica organizado pola Fundación Finnova no marco do proxecto PAINLESS Horizon Europe.
No acto, que tivo lugar na Universidad de Santiago de Compostela, Ana Ramos explicou o que as políticas europeas e a cooperación interrexional poden facer para solventar problemas comúns na área da saúde.
“A colaboración interrexional cobra todo o seu sentido en materia sanitaria como xa se viu durante a pandemia. E é aí onde Europa pode -e debe- xogar un papel chave”, salientou Ramos.
A directora da FGE tamén expuxo como os programas europeos como Horizonte Europa permiten canalizar recursos, coñecemento e talento cara a solucións que responden a prioridades compartidas, come a sáude.
A xornada serviu para exemplificar como se poden alinear dúas dimensións fundamentais: a rexional e a europea. Galicia e o Norte de Portugal comparten non só unha fronteira xeográfica, senón tambén unha historia, unha cultura e desafíos comúns. Un deles é o manexo da dor crónica, un reto sanitario, social e económico que esixe respostas innovadoras e coordinadas.
Ana Ramos falou na súa intervención do papel que xoga a Fundación Galicia Europa en Bruxelas a prol dunha política de cohesión forte, cun enfoque rexional claro e cun orzamento suficiente para garantir un desenvolvemento equilibrado en toda Europa.
“Defendemos que as rexións deben seguir sendo protagonistas na construción do proxecto europeo”, destacou, subliñando ademais a importancia que isto ten en áreas como a saúde, xa que conectan o coñecemento técnico e a visión estratéxica cunha mellora directa na calidade de vida das persoas.
No evento participaron tamén representantes das institucións comunitarias, profesionais sanitarios e outros expertos europeos do ámbito europeo e da saúde.
Máis información: Painless Horizon Europe

© USC