Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos »A Fundación Galicia Europa forma a profesionais galegos en financiamento comunitario
— Os participantes visitaron as principais institucións comunitarias e recibiron formación sobre financiamento comunitario.
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi o encargado de inaugurar a 22ª edición de TecEuropa, que reuniu a 25 participantes.
Bruxelas, 27 de xuño de 2025. A Fundación Galicia Europa acolleu esta semana en Bruxelas a vintecinco profesionais galegos de entidades públicas e privadas no marco da 22ª edición do programa TecEuropa, o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia. A maioría dos participantes procedían do ámbito público (concellos, deputacións, administración autonómica, universidades…).
A Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos, encargouse de dúas sesións formativas con claves para presentarse a convocatorias de programas como Erasmus ou Life, ademais de consellos xerais para preparar as candidaturas.
Os participantes puideron visitar o Parlamento Europeo, onde realizaron unha visita guiada e puideron coñecer de primeira man a historia e a actividade desta cámara colexislativa da UE. No Comité Europeo das Rexións aprenderon sobre o seu funcionamento e a participación de Galicia nel. Os asistentes visitaron tamén o Comité Económico e Social.
“Un programa máis vixente ca nunca”
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi o encargado de inaugurar o mércores 25 de xuño o curso. Na súa intervención, explicou que a intención deste programa é dar aos seus participantes a oportunidade de reflexionar, combinando a perspectiva europea coa rexional e local, sobre como se poden afrontar dende Galicia os retos actuais da UE, como a soberanía estratéxica, a transformación dixital, o cambio demográfico ou a transición enerxética e ecolóxica, dende o punto de vista dos fondos e programas de financiamento que acompañan a estas políticas.
Gamallo salientou que, logo de dez anos, máis de vinte edicións e máis de mil participantes, o interese neste programa está máis vixente que nunca. A sesión inaugural, que contou tamén coa presenza do secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, e da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, continuou cunha presentación na que se afondou no labor da FGE como oficina de representación dos intereses galegos perante a UE.
Casi unha década de TecEuropa
TecEuropa é o programa de especialización en financiamento comunitario que a Fundación Galicia Europa organiza dende hai dez anos. O obxectivo é proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e privadas de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles.
Ademais, búscase fomentar a existencia dunha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver proxectos conxuntos. Dende o seu lanzamento en 2015, TecEuropa reuniu a máis de mil participantes: case 200 nas primeiras edicións presenciais, celebradas ata 2019, e máis de 900 nas dez edicións virtuais celebradas dende 2020.
Máis información: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa