Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » O programa de financiamento comunitario TecEuropa abre a inscrición para a súa decimonovena edición

O programa de financiamento comunitario TecEuropa abre a inscrición para a súa decimonovena edición

18/10/2023 |

— O curso, en formato virtual, volverá contar con expertos no financiamento comunitario que a través de contidos teóricos e prácticos achegarán as opcións de fondos europeos dispoñibles para as entidades públicas e privadas

— Teceuropa é unha grande oportunidade tanto para achegarse por primeira vez ao financiamento comunitario europeo, como para afondar no seu coñecemento

Bruxelas, 18 de outubro de 2023. A Fundación Galicia Europa vén de abrir a inscrición para a decimonovena edición do seu curso de especialización en financiamento europeo para entidades galegas TecEuropa. O programa celebrarase, en formato virtual, do 8 ao 17 de novembro.

TecEuropa é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia para entidades galegas, tanto públicas como privadas, que buscan especializarse na materia. Está dirixido tanto ás persoas que se achegan por primeira vez ao financiamento comunitario, como a aquelas que queren profundar en programas específicos de financiamento.

Organizado pola Fundación Galicia Europa dende o ano 2015, máis de 700 persoas participaron en total nas 18 edicións que se levan celebrado ata o momento.

Sesións teóricas e prácticas 

Ao longo de catro sesións, os asistentes abordarán, da man de especialistas e representantes comunitarios, todos os aspectos relativos á política rexional e a posta en marcha das transicións verde e dixital. Poderán, ademais, identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, a través de programas como Horizonte Europa ou Life.

Malia mudar a un formato virtual dende o ano 2020, TecEuropa mantén o contido teórico e práctico característico dende a súa orixe. Así, nas dúas primeiras xornadas (mércores 8 e venres 10), o contido do curso xirará entorno á actualidade e os desafíos da Unión Europea da man de persoal funcionario español da Comisión Europea.

Na semana seguinte, os días 15 e 17 de novembro, o contido será máis práctico centrado nos diferentes programas de financiamento comunitario. Posteriormente, faranse obradoiros sobre algunhas convocatorias con exemplos prácticos de propostas.

Na páxina de TecEuropa da Fundación Galicia Europa está dispoñible toda a información do programa e a ligazón para o rexistro.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data