Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos »Jesús Gamallo inaugura a décimo novena edición do curso de financiamento europeo ‘TecEuropa’
— O curso de financiamento comunitario da Fundación Galicia Europa brinda aos participantes a oportunidade de coñecer o funcionamento dos fondos europeos e o proceso de presentación de proxectos.
— Nesta nova edición, TecEuropa conta con máis de 100 inscritos, pertencentes a distintas entidades galegas tanto públicas como privadas.
Bruxelas, 8 de novembro de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá a primeira sesión da décimo novena edición do curso de financiamento europeo “TecEuropa”. Organizada pola Fundación Galicia Europa, esta iniciativa está destinada a entidades galegas públicas e privadas que buscan especialización na materia.
Na súa intervención, o director xeral destacou a utilidade do programa de cara a promover entre os participantes o aproveitamento das oportunidades que lles brinda o marco financeiro europeo. Nesta ocasión, o curso conta con máis de 100 inscritos: 22 integrantes do sector público autonómico; 15 de entes locais como os concellos de As Pontes, Lalín ou Lugo; 11 das universidades galegas; 8 de asociacións empresariais e cámaras de comercio; 19 de empresas; 17 de entidades do terceiro sector e 5 de entidades de I+D+i.
A primeira das catro xornadas desta edición de TecEuropa consistiu nunha visita virtual á Comisión Europea na que tres funcionarios representantes da institución explicaron as prioridades do presente mandato, vixente ata o próximo ano 2024. Máis concretamente, abordáronse as transicións verde e dixital e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Nas vindeiras sesións do programa, que se celebrarán os días 10, 15 e 17 deste mes de novembro, distintos expertos en financiamento europeo explicarán tanto o funcionamento dos fondos comunitarios como os distintos tipos que existen e o proceso de presentación dun proxecto europeo, entre outras cuestións.
Participación galega en proxectos europeos
Desde o seu lanzamento en 2015, no programa TecEuropa participaron máis de mil persoas. Tras dúas primeiras edicións en formato presencial que reuniron a case 300 participantes, as xornadas adoptaron a modalidade virtual con motivo da pandemia da Covid-19 e mantivérona ata a actualidade, conseguindo chegar a un público aínda maior sen perder a riqueza do seu contido teórico e práctico.
A formación en financiamento comunitario co obxectivo de capacitar á sociedade galega e a promoción da participación das entidades públicas e privadas en distintos proxectos europeos é un dos principais ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa.