CUMIO SOBRE O DIÁLOGO SOCIAL EUROPEO EN BRUSELAS

O día 29 de setembro tivo lugar en Bruselas o Cumio sobre o Diálogo Social Europeo, coa participación do presidente da Comisión Europea, Xosé Manuel Barroso e o comisario encargado da carteira de Emprego e Asuntos Sociais, Vladimir Spidla.


Este novo Cumio pretende pór de manifesto as inquietudes e os problemas máis importantes que afectan ó actual “Modelo Social Europeo”, un dos asuntos esenciais no conxunto das prioridades da Presidencia británica da Unión Europea para este segundo semestre de 2005. Os interlocutores sociais que participan no Diálogo Social Europeo, tanto bipartito (entre as patronais e os sindicatos europeos) coma tripartito (entre os axentes sociais e as autoridades públicas) levan a cabo un labor fundamental no desenvolvemento das políticas sociais e laborais da Unión Europea. Unha función activa que neste Cumio analizará a contribución dos interlocutores sociais ó relanzamento da Estratexia de Lisboa, na súa vertente relativa á mellora da calidade e da cantidade de postos de traballo na Unión.


O presidente Barroso animou ós interlocutores sociais a seguir traballando intensamente nos obxectivos de crecemento económico e de mellora das condicións de traballo, así como en outros asuntos de gran relevancia social coma as reestructuracións industriais e o envellecemento da poboación. Para Barroso, unha Unión Europea próspera e dinámica só pode ser posible a través da solidariedade.


Pola súa banda, o comisario Spidla destacou a importancia dos axentes sociais nos debates relativos ó novo Modelo Social Europeo, animándoos tamén á adopción para ó 2006, do seu novo programa de traballo plurianual, que substitúa ó actual programa que vence no 2005.


A celebración deste Cumio coincide co XX aniversario da existencia do Diálogo Social Europeo. O Diálogo lanzado no ano 1985 polo antigo presidente da Comisión Europea Jacques Delors, converteuse nun dos elementos cruciais para reforzar o devandito Modelo Social Europeo e avanzar na consecución da cohesión social.


Finalmente a Presidencia británica da  Unión recordou a tódolos presentes a organización dun Cumio Social Tripartito informal en Londres o día 24 de outubro de 2005, só uns días antes da celebración dunha reunión informal dos Xefes de Estado e de Goberno da Unión Europa.