Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Galicia e outras rexións e cidades europeas reivindican o seu papel no futuro da UE durante o Cume de Mons

Galicia e outras rexións e cidades europeas reivindican o seu papel no futuro da UE durante o Cume de Mons

19/03/2024 | ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE estivo entre os representantes electos das rexións e cidades europeas que se reuniron neste cume para abordar o seu papel no futuro da Unión Europea.

— Trátase da reunión máis grande organizada polo Comité Europeo das Rexións, que cumpre tres décadas coincidindo co evento.

Mons, 19 de marzo de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na décima edición do Cume Europeo das Rexións e das Cidades, celebrado na cidade valona de Mons os días 18 e 19 de marzo. Concibido para reunir aos representantes europeos electos a nivel rexional e local, trátase do maior evento organizado polo Comité Europeo das Rexións (CdR), que celebrou o seu 30º aniversario coincidindo co cume.

Durante as súas dúas xornadas abordáronse algúns dos retos que afrontarán as rexións e cidades europeas durante os próximos anos e a súa visión sobre o futuro de Europa. Dita visión quedou plasmada na Declaración de Mons, na que os representantes reivindicaron ter un papel protagonista de cara á formulación da próxima axenda estratéxica da Unión Europea e das prioridades políticas da vindeira Comisión.

Ademais dos miles de representantes rexionais e locais congregados, entre eles Jesús Gamallo en representación de Galicia, tamén destacou a presencia doutros relatores de alto nivel, entre eles cinco comisarios europeos, varios ministros dos Estados membros e o primeiro ministro belga, Alexander de Croo. Desde a nosa rexión asistiu tamén Carlos San Claudio, concelleiro da Coruña e integrante da Rede europea de conselleiros e concelleiros do CdR.

As rexións e cidades no futuro da Unión

Cume de Mons

A crise climática, a inversión comunitaria, a innovación dixital, a gobernanza multinivel efectiva e o futuro da política de cohesión foron algúns dos retos da UE sobre os que versaron tanto as sesións plenarias e mesas redondas celebradas durante o Cume Europeo das Rexións e das Cidades como a declaración que lle puxo o broche.

O contido desta última bebeu do ditame sobre o futuro da política de cohesión aprobado polo CdR no seu pleno 158, documento co que se converteu no primeiro órgano europeo en fixar unha posición neste eido para o período a partir de 2027. Precisamente, un dos debates de alto nivel que tiveron lugar no marco do cume foi o protagonizado pola Alianza para a Cohesión sobre o papel da cohesión para abordar os desafíos que afronta a UE.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais europeos, creada hai tres décadas por medio do Tratado de Maastricht, no 1994. Os seus 329 membros asesoran ás institucións da Unión Europea sobre as leis que teñen un impacto sobre as rexións e cidades, un 70% da lexislación comunitaria.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data