Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas »
Croacia cadra a súa integración total na UE
— Croacia convértese no vixésimo Estado membro en adoptar o euro
— A fronteira exterior de Schengen nos Balcáns occidentais será agora maior
Bruxelas, 30 de xaneiro de 2022. Ano novo, moeda e fronteira nova. O 2023 preséntase vital para o futuro ao longo prazo da Unión Europea; o desafío enerxético, a loita contra a recesión ou o tramo final da lexislatura no Parlamento Europeo, que celebra eleccións o ano que vén, así como as presidencias sueca e española do Consello da UE, levaranse todas as portadas. Non obstante, outro protagonista deste novo ano será Croacia, que dende o pasado 1 de xaneiro forma parte da Eurozona e o espazo Schengen. Con este movemento Croacia profunda a súa integración e a dos Balcáns no taboleiro que é a Unión Europea.
A adopción croata na moeda única prodúcese tras anos de negociacións e cambios na súa economía para cumprir os estándares comunitarios. Con este paso o euro substitúe á kuna como o método de pago croata. Ademais, coa súa adhesión á eurozona, o Banco Central croata (Hrvatska narodna banka) pasa a formar parte do Eurosistema, xunto co Banco Central Europeo e os bancos centrais dos outros 19 Estados membros.
Croacia tamén comeza o ano como membro do espazo Schengen. Este acceso, que permite ao país adriático acceder ao espazo único de persoas e mercadorías, supón un cambio na estrutura desta unión. A última extensión de Schengen foi no ano 2008 coa entrada de dous Estados que non pertencen á Unión europea: Suíza e Liechtenstein. A decisión, aprobada polo Consello da UE no mes de decembro, tivo máis sorte que Romanía e Bulgaria, vetadas por agora por Austria e os Países Baixos.
Coa súa entrada na zona euro e o espazo Schengen, Croacia profunda a súa integración e a dos Balcáns occidentais na Unión Europea
Anteriormente a fronteira exterior de Schengen nos Balcáns estaba marcada por Eslovenia; agora o límite sitúase nas fronteiras que comparte Croacia con Serbia, Montenegro e Bosnia e Hercegovina. Cabe lembrar a importancia desta rexión en materia migratoria: a chamada “ruta dos Balcáns” é unha das principais vías de entrada irregular na Unión Europea. O peso da primeira resposta recae agora nun país con moita máis extensión que Eslovenia.
Futuras ampliacións, só é cuestión de cando
A última ampliación da eurozona fora no ano 2015, coa entrada de Lituania. Todos os Estados membros da Unión Europea, a excepción de Dinamarca, teñen a obriga de acollerse nun futuro á unión monetaria. Espérase que Bulgaria sexa o próximo Estado en unirse ao euro, marcando o próximo 2024 como data obxectivo. Só quedarían por unirse á eurozona Chequia, Hungría, Polonia, Romanía e Suecia.
Con Schengen ocorre un feito semellante que co euro; hai tres Estados membros da UE que teñen a obriga de entrar, pero aínda non cumpren os requisitos. Xunto a Rumanía e Bulgaria, rexeitados polo veto neerlandés e austríaco, falta Chipre por entrar. A illa mediterránea non está en Schengen pola súa situación interna, co territorio dividido entre norte e sur dende hai décadas.
Máis información: Banco Central Europeo e Consello da UE