Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos » A Fundación Galicia Europa participa en Boiro nun novo evento do proxecto europeo Rural Youth of Europe

A Fundación Galicia Europa participa en Boiro nun novo evento do proxecto europeo Rural Youth of Europe

20/11/2023 | ,

— Durante os días 16 e 17, mozos e mozas reuníronse en Boiro para traballar ideas creativas para o rural e xuventude.

— A Fundación Galicia participa como socia no proxecto Europeo Rural Youth of Europe.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023. A Fundación Galicia Europa participou os días 16 e 17 de novembro no evento Creative Jam do proxecto europeo de formación de mozos no medio rural Rural Youth of Europe (Ruyou). Estas actividades están a levarse a cabo durante 2023 en varios países e consisten en crear ideas relacionadas coas inquedanzas e retos que ten a mocidade na actualidade.

A finalidade é crear novos proxectos para o rural 2030. Nesta ocasión a temática levou o nome de “A nova Bauhaus europea: Sociedade, inclusión, igualdade”.

Durante a primeira xornada, ofrecéuselles aos mozos e mozas unha visión concisa das perspectivas tecnolóxicas das rexións rurais, co fin de descubrir formas de empoderar a mocidade rural.

Para comezar, creáronse un total de oito grupos segundo as seguintes temáticas:

  • Hábitos alimentarios saudables.
  • O meu corpo san.
  • Ocio accesible.
  • A miña casa é o meu mundo.
  • Como me vexo?
  • Relacionámonos.
  • Tecnoloxías accesibles.
  • Mulleres 2050.

Durante a mañá do xoves 16 de novembro, os mozos/as traballaron as súas ideas e prototipos e posteriormente asistiron a sesións de formación práctica, que ofreceron unha experiencia de aprendizaxe amena e informativa.

Ao día seguinte, venres 17, os grupos continuaron co desenvolvemento dos seus proxectos para a súa posterior presentación ante o xurado. Tras a deliberación, entregáronse os tres premios ás persoas gañadoras cuxos proxectos foron os máis innovadores e orixinais.

A Fundación Galicia Europa mostrouse encantada coa asistencia de máis de 60 mozos e mozas participantes. Aínda que o esforzo da mocidade presente supón un éxito para o proxecto e un gran recoñecemento por parte da Fundación Galicia Europa da importancia deste tipo de iniciativas, a Fundación Galicia Europa mostrouse aínda máis orgullosa de ver a tres dos seus representantes entre os premiados, recollendo o primeiro, segundo e terceiro premio.

Os temas gañadores foron: “A miña casa é o meu mundo”, co proxecto “Keepy” (terceiro lugar); “Tecnoloxías accesibles”, co proxecto “IFE” (segundo lugar); e “Como me vexo?”, con o proxecto “Máxico espello” (primeiro lugar).

Rural Youth of Europe

O proxecto Rural Youth of Europe (101081387 – RUYOU), co tema “Compromiso e participación cidadá”, está financiado pola Comisión Europea a través do seu Programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV).

O obxectivo do proxecto é o de formar e promover habilidades prácticas entre a mocidade de áreas rurais de Europa, que malia pertencer a distintos Estados membros enfróntanse aos mesmos desafíos. O despoboamento e o avellentamento do rural son fenómenos presentes en toda Europa, polo que a Comisión está interesada en facerlles fronte mediante o financiamento de proxectos como RUYOU.

Os socios participantes son, por parte de España, Asociación Amicos (España); Asociación Lug Open Factory (España); Cámara oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela (España); Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves – Verín (España e Portugal); Rexional Council Northern Region (Malta); Universitatea Aurel Vlaicu din Arad (Romanía) e Fundación Galicia Europa (España).

Máis información: Ruyou

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data