CONSULTA SOBRE O FUTURO MARCO EUROPEO DE CUALIFICACIÓNS PROFESIONAIS

A Comisión Europea, a través da Dirección Xeral de Educación, continúa cos
traballos previos destinados á elaboración dun “Marco Europeo de Cualificacións
Profesionais” (MECP, desde agora). A adopción deste instrumento, é unha resposta
ó mandato dos Xefes de Estado e de Goberno reunidos en Bruselas no pasado mes de
marzo (Cumio de Primavera), nun intento importante de acadar un maior
recoñecemento mutuo a nivel europeo das cualificacións obtidas polos individuos
ó longo da súa formación educativa.


Por iso, a Comisión deu a coñecer o pasado mes de xullo, logo dunha
conferencia presentada polo comisario encargado desta carteira, Jan Figel, un
documento de traballo que recolle de maneira pormenorizada os elementos
fundamentais á hora de elaborar este MECP.
Este mesmo documento de traballo,
serve de base para levar a cabo unha consulta xeral dirixida ós actores
afectados neste eido (responsables políticos, autoridades públicas, expertos nos
sistemas de cualificacións, docentes e demais persoas interesadas),  para
que desta maneira poidan participar de forma activa nos preliminares do
nacemento deste futuro MECP, a través dos seus comentarios ou suxestións.


O elemento fundamental sobre o cal se constrúe este novo sistema europeo de
recoñecemento das cualificacións (non confundir coa Directiva sobre as
cualificacións profesionais no eido das profesións regulamentadas, adoptada o
pasado 6 de xuño de 2005 e aínda sen publicar), é o seu carácter voluntario,
despoxado de calquera tipo de obriga legal, semellante ó Marco Europeo de
Cualificacións para o Ensino Superior adoptado polos membros do denominado
Proceso de Bolonia. Este instrumento adoptado formalmente logo da última
conferencia deste grupo na localidade norueguesa de Bergen no mes de maio
pasado, constitúe unha das referencias da Comisión á hora de adoptar o novo MECP
con vocación e dimensión máis ampla (máis aló da educación superior), ó ter en
conta as cualificacións individuais obtidas no aprendizaxe permanente ó longo da
vida.


Os obxectivos principais deste MECP son aumentar a transparencia e reforzar a
confianza mutua entre os Estados, facilitando deste xeito a transferencia e o
recoñecemento das cualificacións individuais.


¿Como levar a cabo este Marco Europeo? O documento de traballo da Comisión
Europea determina tres aspectos fundamentais para pór en marcha este
proceso:


1-Establecemento de índices de referencia comúns, estructurados en 8
niveis.
2-Un conxunto de ferramentas e instrumentos de traballo ó carón
destes 8 niveis  de referencia, tales como un sistema integrado europeo de
transferencia e acumulación de créditos na formación ó longo da vida, o Europass
ou a base de datos “Ploteus” sobre as oportunidades de estudo e
formación.
3-Unha serie de principios e procedementos comúns que sirvan de
guía para a colaboración entre os actores dos diferentes niveis e baseados na
garantía de calidade, na validación de títulos, na orientación en nun conxunto
de competencias clave.


O éxito deste futuro sistema só será posible se o grado de compromiso dos
Estados membros é elevado e efectivo, polo tanto os Estados deben elaborar un
Marco Nacional de Cualificacións Profesionais único e encadralo dentro dun MECP.
Os sistemas europeos educativos e formativos son moi diferentes entre si, o que
implica unha gran diversidade e complexidade á hora de recoñecer as
cualificacións obtidas dun país a outro. Elaborando un Marco Nacional e poñéndoo
en referencia a un MECP, os Estados membros encadran os seu sistemas de
cualificacións nun sistema xeral e europeo que favorece a transparencia e a
calidade.


O proceso de consulta termina o mes de decembro de 2005, e vai dirixido non
soamente ós Estados membros da Unión Europea, Noruega, Lienchestein, Islandia, e
os países candidatos, senón tamén ós 13 países restantes que forman parte do
Proceso de Bolonia e non do programa de traballo “Educación e Formación 2010”,
aínda que neste caso só como invitados a dar a coñecer os seus comentarios ó
respecto.


O resultado desta consulta será comunicado nunha conferencia prevista na
primavera de 2006, e servirá como elemento de reflexión para a elaboración do
futuro MECP, que presentará a Comisión Europea en tanto que recomendación do
Consello e do Parlamento Europeo no primeiro semestre do 2006.


As preguntas recollidas no documento de traballo e que deberán ser tidas en
conta para redactar as respostas son as seguintes:


1.-Razón de ser dun MECP: ¿Como facer que funcione na práctica?
2.-O
sistema de 8 niveis de referencia: ¿É suficientemente representativo da
complexidade dos sistemas europeos de educación e formación
permanente?
3.-Marcos Nacionais de Cualificacións Profesionais: ¿Como crear
estes marcos?
4.-Confianza mutua: ¿Cómo pode contribuír un MECP ó
desenvolvemento da confianza mutua?


As respostas pódense enviar por email á seguinte dirección de correo
electrónico: EQF@cec.eu.int


O
texto íntegro do documento de traballo da Comisión