Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Novo ciclo institucional: o Consello Europeo adopta a nova Axenda Estratéxica e avanza na designación dos altos cargos

Novo ciclo institucional: o Consello Europeo adopta a nova Axenda Estratéxica e avanza na designación dos altos cargos

03/07/2024 | ,

— Na reunión do 27 de xuño, os dirixentes da UE escolleron a tres dos altos cargos da Unión Europea.

— A Axenda Estratéxica 2024-2029 establece o plan de actuación da UE e os seus obxectivos de cara ao novo mandato.

Bruxelas, 1 de xullo de 2024. No marco da última reunión do Consello Europeo, que tivo lugar o pasado xoves en Bruxelas, os dirixentes da Unión Europea avanzaron no camiño cara ó próximo mandato. O acordo dos nomeamentos e candidaturas para os altos cargos e a adopción da Axenda Estratéxica 2024-2029 foron os grandes fitos do encontro, cos que comeza a esbozarse o que será o futuro da Unión durante o novo ciclo institucional.

Tanto a súa folla de ruta como as súas prioridades políticas quedan recollidas na mencionada nova Axenda Estratéxica, que marcará o traballo das institucións europeas nos próximos anos. Consiste nun plan de actuación que responde ao actual contexto xeopolítico para lograr unha Europa máis soberana e dotada de mellores medios para afrontar os retos.

Está baseada en tres pilares: unha Europa libre e democrática, unha Europa forte e segura e unha Europa próspera e competitiva. As mencionadas prioridades debatéronse por primeira vez na reunión informal do Consello Europeo celebrada en Granada en outubro de 2023, durante a Presidencia española, que estivo seguida dunha rolda de consultas cos dirixentes entre os meses de novembro e abril.

O reparto dos altos cargos da UE

Consello Europeo elección dos altos cargos

Tal e como se establece no proceso de elección dos altos cargos da Unión, os coñecidos como top jobs, o Consello Europeo é a institución encargada de nomealos a través dunha maioría cualificada.

De cara á renovación das institucións tras as eleccións do pasado mes de xuño, no encontro desta semana os dirixentes escolleron aos tres seguintes: a António Costa, ex-primeiro ministro de Portugal, como presidente do propio Consello Europeo; a Ursula von der Leyen para repetir nun segundo mandato como presidenta da Comisión Europea; e a Kaja Kallas, a primeira ministra de Estonia, como alta representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade. Agora será o Parlamento Europeo o que someta a votación a candidatura de Ursula von der Leyen, que deberá acadar unha maioría absoluta na Eurocámara.

Esta institución tamén deberá votar ao resto do executivo comunitario, composto por 25 comisarios e pola alta representante que serán sometidos a audiencias individuais nas distintas comisións. Mais na súa elección interveñen tamén os Estados membro, xa que cada un propón a un candidato e a carteira que este podería ocupar para consultado coa nova presidencia da Comisión.

A continuación, podes consultar o calendario provisional no que recollemos as datas dos principais fitos do cambio de ciclo institucional tras as eleccións europeas 2024: 

Calendario elecciones 2024

Máis información: Consello Europeo

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data