Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas »O Consello aproba o Plan de Recuperación e Resiliencia modificado de España
— O plan de recuperación e resiliencia agora ascende a 163 000 millóns de euros.
— O plan modificado de España inclúe un capítulo dedicado a REPowerEU.
Bruxelas, 17 de outubro de 2023. Tras unha avaliación positiva por parte da Comisión, o Consello finalmente adoptou a Decisión Executiva pola que se aproba o plan de recuperacioun e resiliencia (PRR) modificado de España por valor de 163 000 millóns de euros (83 000 millóns de euros en préstamos e 80 000 millóns de euros en subvencións) e abarca 111 reformas e 142 investimentos. O capítulo REPowerEU de España consta de unha nova reforma, un investimento ampliado baseado en tres medidas existentes e sete novos investimentos para cumprir os obxectivos do Plan REPowerEU para facer que Europa sexa independente dos combustibles fósiis rusos moito antes do 2030. Estas medidas céntranse en diversificar as fontes de enerxía para depender en menor medida dos combustibles fósiis, sobre todo mediante a axilización da implantación de enerxías renovables, o hidróxeno renovable, a descarbonización da industria e o investimento na cadea de valor para a industria de cero emisións netas.
Ademais, o plan de recuperación e resiliencia revisado contempla 59 medidas que son novas ou que se dirixen a facer que os seus obxectivos sexan máis ambiciosos. As novas medidas teñen por obxecto fortalecer a contorna empresarial española e atraer a traballadores cualificados, mellorar a sustentabilidade do sector agrícola, fomentar a economía circular e loitar contra a desertificación con nove novas reformas, racionalizar os procedementos de concesión de permisos para proxectos de enerxías renovables e impulsar a vivenda asequible.
Os investimentos que se propón realizar ou ampliar abarcan novos instrumentos financeiros para promover os investimentos na economía, por exemplo, para soster as transicións ecolóxica e dixital, financiar o turismo, o audiovisual, o escalado de startups , e a competitividade das pemes. Novos investimentos para impulsar a autonomía estratéxica, onde se destinarán 27 000 millóns de euros a reforzar a práctica totalidade dos PERTE. Os préstamos proporcionarán financiamento favorable para empresas, entes públicos e Comunidades Autónomas. Novos fondos para investir en ciberresiliencia e ceguridad (2 157 millóns de euros). Adicionalmente, crearase o Fondo de Resiliencia Autonómica xestionado polo Banco Europeo de Investimentos.
Os cambios introducidos por España no plan orixinal baséanse na necesidade de ter en conta o seguinte:
- circunstancias obxectivas que obstaculizan o cumprimento de determinadas medidas segundo o previsto inicialmente, tales como a elevada inflación experimentada en 2022 e 2023 e as perturbacións na cadea de subministración causadas pola guerra de agresión de Rusia contra Ucraína;
- a solicitude de utilizar 83 000 millóns de euros en préstamos do MRR dispoñibles;
- a revisión á alza da súa asignación máxima de subvencións do MRR, de 69 500 millóns de euros a 77 200 millóns de euros.
Para financiar os obxectivos máis ambiciosos do seu plan, España tamén solicitou transferir ao plan a súa parte da Reserva de Adaptación ao Brexit, en consonancia co Regulamento REPowerEU, por un importe de 58 millóns de euros. Estes fondos, engadidos á asignación de subvencións do MRR e REPowerEU a España (que ascenden a 77 200 millóns de euros e 2 600 millóns de euros, respectivamente) e á súa solicitude de préstamo no marco do MRR por valor de 83 000 millóns de euros, fan que o plan modificado global que se aprobou ascenda a 163 000 millóns de euros.
Un estímulo adicional á transición ecolóxica de España
O plan modificado céntrase en gran medida na transición ecolóxica, ao asignar o 40 % dos fondos dispoñibles a medidas de apoio aos obxectivos en materia de loita contra o cambio climático. O plan revisado abarca 30 novas medidas sobre a acción polo clima, co que a contribución ecolóxica total ascende a 65 000 millóns de euros (fronte aos 27 600 millóns de euros do plan orixinal).
A nova reforma, a ampliación do investimento e os sete novos investimentos incluídos no capítulo de REPowerEU contribúen considerablemente á dimensión ecolóxica do plan. A reforma ten por obxecto facilitar a implantación de fontes de enerxía renovables e racionalizar a tramitación das solicitudes de autorización. Os sete novos investimentos céntranse no hidróxeno renovable, a cadea de valor das enerxías renovables, as redes eléctricas e a descarbonización da industria. A ampliación do investimento apoiará o autoconsumo, o almacenamento e as comunidades de enerxía.
Ademais, tamén se prevén grandes investimentos, estruturadas como instrumentos financeiros, sistemas de subvencións e de apoio, que estimularán o transporte sostible, a eficiencia enerxética, as enerxías renovables, a descarbonización da industria, a economía circular, a adaptación ao cambio climático e o turismo sostible. Outros investimentos sosterán a xestión e a reutilización da auga, aumentando a súa eficiencia mediante a dixitalización das «comunidades de regadío» e dos procesos relacionados coa xestión do ciclo da auga das cidades.
Reforzo da preparación dixital e a resiliencia social de España
Tamén se ampliaron os obxectivos do plan español en materia dixital grazas a 18 novas medidas que contribuirán á transición dixital ao fomentar o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas, prestar apoio ás empresas emerxentes e investir en investigación e desenvolvemento (I+D). O plan revisado dedica o 26 % da súa asignación total a soster a transición dixital do país.
O plan modificado inclúe varias medidas novas relacionadas coas tecnoloxías dixitais avanzadas, con investimentos estratéxicos en toda a cadea de valor de microprocesadores avanzados, desde o I+D ata a fabricación. Tamén se prevén cuantiosos investimentos que sosterán a expansión das empresas tecnolóxicas emerxentes, a mellora do acceso ao financiamento para as empresas do sector audiovisual e o fomento do uso de novas ferramentas tecnolóxicas no sector dos medios de comunicación. Estimularase a dixitalización do sector da xestión da auga e da administración pública mediante investimentos adicionais, tamén en ciberseguridade.
Así mesmo, aumentou a importante dimensión social do plan modificado. Ademais das reformas e investimentos transformadores do plan orixinal, as novas medidas contemplan un aumento da oferta e un acceso máis fácil á vivenda, a atracción de talento estranxeiro e a facilitación da entrada no país de traballadores migrantes cualificados. Tamén se prevén a mellora das normas de saúde humana e animal para o transporte e o uso sostible de antibióticos no sector gandeiro.
Próximas etapas
O referendo do Consello permitirá a España recibir 1 400 millóns de euros en concepto de prefinanciación con cargo aos fondos REPowerEU. Con cargo ao MRR, España recibiu ata a data 37 000 millóns de euros: 9 000 millóns de euros en concepto de prefinanciación e 28 000 millóns de euros desembolsados en total nos tres primeiros pagos.
A Comisión autorizará novos desembolsos en función do cumprimento satisfactorio dos fitos e obxectivos indicados no plan de recuperación e resiliencia revisado de España, reflectindo os avances na execución dos investimentos e as reformas. Co novo calendario de desembolsos, España calcula que podería recibir ata 25.600 millóns de euros en 2024, 44.600 millóns en 2025 e 44.300 millóns en 2026.
Contexto
O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) é o programa da UE de apoio financeiro a gran escala en resposta aos retos que a pandemia expuxo á economía europea. É o eixo central de «Next Generation EU», un instrumento de recuperación temporal que permite á Comisión recadar fondos para axudar a reparar os prexuízos económicos e sociais inmediatos causados pola pandemia de COVID-19.
Para beneficiarse dos 724 000 millóns de euros do mecanismo (a prezos correntes), os Estados membro presentan á Comisión Plans de Recuperación e Resiliencia nos que establecen as reformas e investimentos que teñen previsto executar antes do termo de 2026.
Ata a data, aprobáronse todos os Plans de Recuperación e Resiliencia, recibíronse 39 solicitudes de pago de 22 Estados membro e desembolsáronse 174 700 millóns de euros.
O Regulamento (UE) 2023/435 relativo aos capítulos de REPowerEU, en vigor desde o 1 de marzo de 2023, aumenta a dotación financeira do MRR en 20 000 millóns de euros en novas subvencións. Ademais, os Estados membro poden transferir voluntariamente ata 5 400 millóns de euros da Reserva de Adaptación a o Brexit ao MRR para financiar as medidas de REPowerEU. Esto engádese ás posibilidades de transferencia existentes do 5 % dos fondos da política de cohesión (ata 17 900 millóns de euros).
Durante 2023, espérase que, de modo gradual, cada un dos 27 Estados membro presente as modificacións dos seus Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia polo menos unha vez para acceder ás novas subvencións REPowerEU, solicitar préstamos dispoñibles ou ter en conta a asignación actualizada do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Máis información:
Avaliación positiva pola Comisión do plan revisado de España
Plan de recuperación e resiliencia de España
Mecanismo de Recuperación e Resiliencia: Preguntas e respostas
Capítulos de REPowerEU e revisión dos plans de recuperación
Regulamento relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia
Páxina web do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia