Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Desenvolvemento Rural »O Consello adopta un Regulamento para reforzar a protección das indicacións xeográficas de alimentos e bebidas
— O Consello adoptou formalmente un Regulamento polo que se mellora a protección das indicacións xeográficas e outros réximes de calidade para os viños, as bebidas espirituosas e os produtos agrícolas.
— A protección aplícase tanto en liña como fóra de liña, e ademais, se simplifica o procedemento de rexistro das indicacións xeográficas
Bruxelas, 26 de marzo de 2024. O acordo achegará beneficios tanxibles á economía rural e protexerá o patrimonio gastronómico da UE en todo o mundo.
Principais melloras
Entre as melloras do sistema de indicacións xeográficas actual figuran as seguintes:
- o reforzo do papel das agrupacións de produtores mediante a concesión de competencias e responsabilidades para xestionar as súas indicacións xeográficas, tamén para representar aos seus membros nas redes de control do cumprimento da propiedade intelectual e industrial;
- a posibilidade de que os Estados membro designen agrupacións de produtores como «agrupacións de produtores recoñecidas» con dereitos exclusivos que deben exercerse en nome de todos os produtores do produto designado por unha indicación xeográfica;
- un papel apoiado pola Comisión no exame das solicitudes de rexistro de produtos como indicacións xeográficas;
- maior protección das indicacións xeográficas, tamén en liña, nos nomes de dominio que conteñen indicacións xeográficas, mediante bloqueo xeográfico; a tal fin, encomendouse á Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea a creación dun sistema de información e alerta sobre nomes de dominio;
- maior protección do nome dunha indicación xeográfica que designe un ingrediente cando se utilice na denominación dun alimento transformado relacionado; nestes casos, deberá notificarse ás agrupacións de produtores recoñecidas e deberá indicarse a porcentaxe do ingrediente.
Próximas etapas
Agora, asinarase o Regulamento, que se publicará no Diario Oficial da Unión Europea e entrará en vigor aos 20 días da súa publicación.
Contexto
As indicacións xeográficas son dereitos de propiedade intelectual e industrial que protexen os nomes de produtos con características, calidades ou unha reputación específicas e que están vinculados á súa zona de produción.
Estes produtos están protexidos contra a copia ou a fraude, mentres que o sistema xeográfico garante que foron elaborados seguindo normas estritas de calidade na súa rexión de orixe.
Os nomes dos produtos agroalimentarios e os viños están protexidos como denominacións de orixe protexidas (DOP) e como indicacións xeográficas protexidas (IGP), e os das bebidas espirituosas como indicacións xeográficas (IG).
Algúns exemplos famosos son o queixo parmesano, a champaña, as olivas de Kalamata, o vodka polaco, o queixo manchego ou o queixo gruyer.
A Unión Europea tamén protexe as especialidades tradicionais garantidas. Esto fai referencia aos nomes dos produtos agrícolas que poñen de relevo os aspectos tradicionais dun produto sen estar vinculados a unha zona xeográfica específica.
A Pizza Napoletana e a Vieille Kriek son exemplos de especialidades tradicionais garantidas coñecidas.
Estes réximes de calidade ofrecen aos produtores unha vantaxe competitiva ao permitirlles comercializar mellor os seus produtos e aumentar as súas vendas, tamén co apoio das agrupacións de produtores locais.
Máis información: Consello Europeo
Reforzo das indicacións xeográficas: o Consello e o Parlamento alcanzan un acordo
Indicacións xeográficas para alimentos e bebidas (información de referencia)