Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas » O Consello alcanza un acordo para reformar a gobernanza económica da UE

O Consello alcanza un acordo para reformar a gobernanza económica da UE

22/12/2023 |

— Os Estados membro da UE acordaron a posición do Consello en relación coa reforma do marco de gobernanza económica da UE, exposta pola Comisión Europea en abril.

— Entre as principais novidades está a adopción dun enfoque diferenciado para cada Estado membro.

Bruxelas, 22 de decembro de 2023. O día 21 de decembro os embaixadores dos Estados mebro na UE acordaron a posición do Consello en relación coa reforma do marco de gobernanza económica da UE, exposta pola Comisión Europea en abril. Desta forma, poderán comezar as negociacións co Parlamento Europeo en xaneiro co obxectivo de aplicar a partir de 2025 as novas regras fiscais.

A UE deixa así atrás catro anos de relaxación fiscal e esixirá plans de axuste aos países, pero, a diferenza do que pasaba ata o de agora, estes plans deseñaranse de forma individualizada tendo en conta a situación fiscal do Estado membro concernido. Espérase, pois, que a nova política fiscal sexa máis prudente, a pesar da escasa marxe de manobra coa que conta entre a gran cantidade de débeda acumulada (máis do 85% do PIB da UE, incrementada ademais polo aumento dos tipos de xuro) e a necesidade de investimentos públicos para facer fronte á dobre transición ecolóxica e dixital, o apoio ás empresas europeas e a nova aposta política pola seguridade e a defensa.

O Consello acordou o obxectivo xeneral de reducir os cocientes de débeda e déficit dunha maneira gradual, realista, sostida e favorable ao crecemento, protexendo ao mesmo tempo as reformas e o investimento en áreas estratéxicas como a dixital, a verde, a social ou a defensa. O procedemento de déficit excesivo manterase sen cambios.

Plans nacionais fiscais-estruturais de medio prazo

Unha das principais novidades da reforma é a adopción dun enfoque diferenciado para cada Estado membro para ter en conta a heteroxeneidade das posicións fiscais, a débeda pública e os desafíos económicos en toda a UE. A Comisión trazará unha “traxectoria técnica” diferenciada aos Estados membro onde a débeda pública supere o valor de referencia do 60% do produto interior bruto (PIB) ou onde o déficit público supere o valor de referencia do 3%. O obxectivo desta traxectoria técnica é garantir, ao cabo de catro anos, o cumprimento cos valores de referencia a medio prazo ou ben que “a débeda pública siga unha traxectoria descendente plausible”.

Unha vez recibida esta traxectoria, cada estado membro preparará un plan fiscal-estrutural a medio prazo, que abarcará catro ou cinco anos, no que se comprometen a unha traxectoria fiscal, así como a investimentos e reformas públicas que en conxunto garantan unha redución sostida e gradual da débeda. Ademais, os Estados poderán solicitar unha extensión do período de axuste fiscal de ata sete anos se levan a cabo certas reformas e investimentos en liña coas prioridades europeas.

Tras a análise deste plan fiscal-estrutural por parte da Comisión Europea, o Consello adoptará unha recomendación que fixa a traxectoria de gasto primario de cada Estado membro. O gasto primario non inclúe o pago dos intereses da débeda nin boa parte do custo dos seguros de desemprego.

Procedemento de déficit excesivo

O Consello acordou os requisitos que deben darse para iniciar o proceso: aumento da débeda pública por encima do valor de referencia (60%), que o déficit xeral non estea preto do equilibrio ou en superávit e que as desviacións de PIB excedan 0,3 puntos porcentuais cada ano ou ou 0,6 de forma acumulativa.

O Consello e a Comisión farían, entón, unha avaliación global e “equilibrada” de todos os factores que afectan a este incumprimento como o tamaño da desviación, o progreso na execución de reformas e investimentos e o aumento do gasto público en defensa, que en determinados casos considérase unha “atenuante”.

O Consello tamén decidiu que a Comisión poderá, durante un período transitorio en 2025, 2026 e 2027, ter en conta o aumento dos pagos de intereses ao calcular o esforzo de axuste dentro do procedemento de déficit excesivo. Ademais, acordou que a multa en caso de incumprimento ascendería ata o 0,05% do PIB e acumularíase cada seis meses ata que se tomasen medidas efectivas.

Opinión do Comité Europeo das Rexións

En outubro de 2023, o pleno do CdR adoptou un dictame sobre esta revisión liderada polo presidente de Valonia e ex primeiro ministro belga, Elio Di Rupo, de especial importancia neste proceso pois os entes locais e rexionais asumen a responsabilidade de máis da metade do investimento público en Europa.

O CdR reitera a petición de contar cunha «norma de ouro de cofinanciamento» que exclúa das normas sobre débeda e déficit o cofinanciamento dos Fondos Estruturais e de Investimento por parte dos Estados membro e as rexións. Tamén demanda a creación dun réxime europeo permanente de reaseguro de desemprego, inspirándose no éxito do instrumento SURE, que axudou a salvar postos de traballo durante a pandemia (financiando os ERTE no caso de España).

O ditame apoia unha prórroga do período de axuste orzamentario en casos específicos, en especial cando os Estados comprométanse cos investimentos e reformas destinadas a promover a cohesión económica, social e territorial, a aplicar os ODS e o Pacto Verde Europeo ou a levar a cabo a transición dixital.

Tamén apoia o enfoque de reducir gradualmente a débeda pública dos países máis endebedados, á vez que se brinda o espazo fiscal necesario para o investimento público nas transicións climática e dixital. As normas impostas deben recoñecer a especificidade das situacións nacionais e rexionais, garantindo ao mesmo tempo un trato equitativo a todos os Estados membro.

Antecedentes

Para facer fronte á crise da COVID-19 e posteriormente á da enerxía, decidiuse aplicar a “cláusula de escape” contemplada no Pacto de Estabilidade e Crecemento de 1997, que deixou a este sen efecto desde marzo de 2020. O 1 de xaneiro de 2024 deberían volverse a aplicar as estas regras. Tendo en conta o incremento exponencial da débeda dos Estados membro necesaria para dar resposta a ambas as crises e o compromiso financeiro da UE coa reconstrución de Ucraína, as antigas regras podían resultar moi restritivas para conseguir reducir esta débeda.

Por eso, a Comisión presentou a finais de 2022 unhas orientacións para revisar o marco de gobernanza fiscal da UE nas que expoñía: unha maior flexibilidade e un enfoque centrado no medio prazo, a creación dunha ferramenta para promover investimentos e reformas estratéxicas, e a revisión do procedemento de desequilibrios macroeconómicos.

En marzo de 2023, o Consello de Asuntos Económicos e Financeiros (ECOFIN) adoptou unhas conclusións respecto diso, que logo referendou o Consello Europeo. Finalmente, a finais de abril a Comisión Europea presentou tres propostas lexislativas: dous regulamentos destinados a substituír (parte preventiva) ou modificar (parte correctora) os dous piares do pacto de estabilidade e crecemento adoptado por primeira vez en 1997, e unha directiva modificada sobre os requisitos para os marcos orzamentarios dos estados membro.

O Consello intercambiou opinións sobre a proposta de reforma do marco de gobernanza económica en varias ocasións desde abril. Tras as orientacións dadas polos líderes europeos a finais de outubro, o Consello chega agora a este acordo.

Contexto

A gobernanza económica é un piar crave da arquitectura da Unión Económica e Monetaria, desde 1992, cuxo obxectivo é previr e corrixir desequilibrios macroeconómicos que poderían debilitar as economías nacionais e afectar a outros países da UE a través de efectos de contaxio transfronteirizos.

A economía da UE enfróntase a novos desafíos coa recuperación da pandemia de COVID-19 e as consecuencias da guerra de Ucraína. Nun contexto de maiores niveis de débeda, tipos de xuro e novos obxectivos comúns de investimento e reforma, a UE está a reformar o pacto de estabilidade e crecemento e como podería mellorarse aínda máis a súa eficacia.

Máis información: Consello da UE

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data