Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Medioambiente e clima » A Xunta traslada á Comisión Europea as súas demandas sobre as renovables, o clima e a regulación costeira

A Xunta traslada á Comisión Europea as súas demandas sobre as renovables, o clima e a regulación costeira

17/03/2026 |

— A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva e salienta que o desleixo do Goberno central ao non traspor a directiva de renovables lastra o seu impulso en Galicia e contribúe ao parón eólico

— Pon en valor a aprobación da Lei do clima, que ademais de dotar de seguridade xurídica á loita contra o cambio climático, contribuirá a que Galicia sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo proposto pola Unión Europea

— Ángeles Vázquez lamenta os anos de escurantismo sobre o expediente de infracción aberto a España polas concesións na costa e advirte de que os cambios impulsados agora de forma acelerada van máis aló do ditame emitido pola Comisión Europea

Bruxelas, 17 de marzo de 2026. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, rematou en Bruxelas dúas intensas xornadas de traballo nas que expuxo ante distintas autoridades da Comisión Europea cuestións clave que afectan ao desenvolvemento enerxético, á acción climática e á regulación do litoral.

A Fundación Galicia Europa organizou a axenda de reunións da conselleira, facilitando encontros con altos cargos das institucións europeas para abordar asuntos estratéxicos para Galicia.

Durante a súa viaxe, a conselleira reuniuse coa comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva, Jessika Roswall; coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral de Acción polo Clima, Beatriz Yordi; e con representantes da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEMES (DG GROW).

Bloqueo das renovables e parón eólico

No encontro con Jessika Roswall, a Xunta trasladou a súa preocupación pola falta de transposición da directiva europea de renovables por parte do Estado, unha situación que, segundo explicou a conselleira, está a lastrar o desenvolvemento do sector eólico en Galicia.

Ángeles Vázquez subliñou que incorporar ao ordenamento xurídico o recoñecemento do interese público superior destes proxectos permitiría clarificar a súa situación xudicial e avanzar na descarbonización. Ademais, lembrou que esta inacción xa motivou un expediente sancionador da Comisión Europea en 2024.

Tamén advertiu do impacto do parón xudicial sobre máis de 90 proxectos eólicos, cun investimento de arredor de 3.000 millóns de euros, e do risco de perda de posición de Galicia no ámbito enerxético.

Obxectivos climáticos e Lei do Clima

Neste contexto, a conselleira puxo en valor a Lei do Clima de Galicia, que fixa como metas reducir nun 75% as emisións en 2030 e acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes do obxectivo europeo.

Así mesmo, defendeu o compromiso da Xunta cun modelo enerxético sostible, con criterios ambientais esixentes e orientado a reducir a dependencia exterior e xerar actividade económica.

Galicia como referente en acción climática

Na reunión con Beatriz Yordi, a Xunta destacou o seu papel pioneiro na loita contra o cambio climático e avanzou as principais iniciativas en marcha.

Ángeles Vázquez e Beatriz Yordi, directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea.

Entre elas, o desenvolvemento do mercado galego de créditos de carbono, o proxecto Sicle CO2 ou o II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima, que mobilizará arredor de 1.700 millóns de euros ata 2030.

Tamén salientou a Alianza galega polo clima, que conta xa con máis de 250 entidades, e programas como o Mentoring polo clima, destinados a implicar ao tecido produtivo na transición ecolóxica.

Con todo, a conselleira advertiu de que a falta de desenvolvemento estatal do Plan social polo clima está a dificultar o acceso a financiamento europeo para máis de 60 proxectos galegos.

Informe contra a reforma de Costas

No encontro con responsables da Dirección Xeral de Mercado Interior (DG GROW), a Xunta presentou un informe xurídico que cuestiona a reforma do Regulamento de Costas impulsada polo Goberno central.

Segundo ese documento, o anteproxecto incumpre a lexislación española, ignora ás comunidades autónomas e vai máis aló das esixencias formuladas pola Comisión Europea no expediente aberto sobre concesións no litoral.

Impacto económico e inseguridade xurídica

A conselleira advertiu de que os cambios propostos poderían provocar un forte impacto económico e social, especialmente en Galicia, onde se estiman uns 25.000 empregos vinculados a actividades no litoral.

Ademais, sinalou que a reforma xeraría inseguridade xurídica ao permitir revisar concesións xa outorgadas ou limitar a súa duración, afectando a sectores clave como o mar-industria.

Neste sentido, tamén criticou a falta de transparencia do proceso e a ausencia de diálogo coas comunidades autónomas, solicitando a suspensión do prazo de alegacións ata contar con toda a información necesaria.

Fontes:

A Xunta expón en Bruxelas que o desleixo do Goberno central ao non traspor a directiva de renovables lastra o seu impulso e contribúe ao parón eólico

Ángeles Vázquez salienta en Bruxelas as iniciativas postas en marcha pola Xunta para converter Galicia nunha comunidade líder en acción climática

A Xunta entrega á Comisión Europea un informe xurídico da reforma do Regulamento de costas estatal para acreditar que é contraria a dereito e pedir o seu amparo

© Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data