Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE »As rexións automobilísticas da UE instan a mellorar o seguimento do impacto da transición para garantir a competitividade
— Durante unha conferencia celebrada coa Comisión Europea, os membros da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción pediron un programa de seguimento a escala da UE para afrontar con éxito a transición xusta.
— Os líderes locais e rexionais salientaron a necesidade dun programa que mida efectivamente o risco, os desafíos e a preparación nas rexións automobilísticas de Europa.
Bruxelas, 28 de maio de 2024. O sector automobilístico europeo está á vangarda da innovación na industria automobilística mundial. A produción, a investigación e o desenvolvemento son as forzas impulsoras desta industria, que representa o 6% do emprego total da UE e, directa e indirectamente, sustenta os postos de traballo de ao redor de 14 millóns de europeos. Nunha conferencia que reuniu a representantes da Comisión Europea, rexións automobilísticas, líderes da industria e organizacións de redes de expertos, abordáronse os desafíos urxentes da transición no sector, en particular medindo e monitoreando as fases de transición das diferentes rexións involucradas.
Á luz da obrigación legal da Comisión Europea de elaborar un informe de progreso antes de finais de 2025 sobre como garantir unha transición xusta para as rexións automobilísticas xunto con propostas de apoio financeiro adecuado para abordar as necesidades identificadas, os membros da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA) avogaron por programa integral de seguimento a escala da UE. Este programa debería ter como obxectivo identificar os déficits de financiamento para as rexións e as pemes máis afectadas.
Os exemplos ascendentes sobre como as rexións están a medir a transición poden daquela ampliarse a unha ferramenta de seguimento a nivel de toda a UE, de modo que as rexións poidan recibir un mellor apoio nos esforzos por facer que a dobre transición integrada nunha política europea de cohesión sólida sexa un éxito.
As rexións abordan o futuro da automoción
Os participantes intercambiaron experiencias rexionais e boas prácticas na medición da transición, con exemplos notables de marcos de seguimento innovadores de Turingia, Baden-Württemberg e Castela e León. Estes exemplos proporcionaron información valiosa sobre como as rexións están a abordar a transición e resaltaron a importancia de estratexias personalizadas.
A conferencia concluíu cos seguintes puntos de acción que contaron cun amplo apoio:
- A importancia dunha colaboración continua entre as rexións, as partes interesadas da industria e as institucións da UE para abordar os desafíos da transición automobilística;
- A necesidade dunha ferramenta de seguimento sólida a nivel da UE para seguir o progreso e identificar desafíos e brechas no apoio;
- O papel fundamental das medidas financeiras adaptadas para abordar as necesidades específicas das rexións e as pemes máis afectadas pola transición e a súa forza laboral.
A ARA seguirá traballando en estreita colaboración coa Comisión Europea, a Automotive Skills Alliance e as partes interesadas rexionais para desenvolver e implementar mecanismos eficaces de seguimento e apoio. Estes esforzos garantirán que a transición cara a un transporte por estrada sen emisións sexa equitativa e beneficiosa para todas as rexións involucradas.
Contexto
En Galicia, a industria do automóbil representa preto do 14% do seu PIB e emprega a máis de 25 000 persoas, o que se corresponde con case o 14% de todo o seu emprego industrial. A nivel Europeo, esta representa o 7% do PIB comunitario e emprega a máis de 14 millóns de traballadores, o que equivale a un 6,1% do emprego total da UE.
A importancia deste sector para a nosa rexión, xunto co momento de transformación que este está vivindo (terá que asumir grandes cambios nun período moi curto de tempo) motivan que a FGE forme parte de dous foros rexionais auspiciados polo Comité Europeo das Rexións (CdR), nos cales se impulsan todas aquelas iniciativas que fomentan unha transición xusta para as rexións automobilísticas europeas, en colaboración coas institucións europeas e outras partes interesadas. Fálase aquí do Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil (CoRAI), do que Galicia forma parte dende a súa creación no 2009, e da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA), oficialmente lanzada en xuño de 2022.
ARA está formada por 34 rexións de sete Estados membros: Alemaña, Austria, Eslovaquia, España, Francia, Italia e República Checa. O seu obxectivo principal é impulsar un proceso similar ó que xa se levou a cabo coas rexións consideradas en transición pola UE (é dicir, aquelas rexións dependentes de determinados combustibles fósiles e rexións intensivas en carbono) para así acadar apoio financeiro para a transición do sector.
Como punto de partida, aprobouse a “Declaración para unha transición xusta, equitativa e satisfactoria”, un decálogo no que se expoñen reivindicacións vitais, como a capacitación de traballadores ou a creación dun mecanismo europeo que leve asociado un orzamento específico. Esta Declaración contou coas aportacións do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) grazas á mediación da FGE.
Na primeira reunión política da Alianza, que tivo lugar en Leipzig en novembro de 2022, Galicia foi representada polo director xeral do IGAPE, quen recibiu apoio técnico da FGE. Na segunda, celebrada en Pamplona en novembro de 2023, participou o secretario xeral de Industria.
Máis información: Comité Europeo das Rexións
